Este luns péchase a circulación de entrada á cidade entre as rúas Forcarei e Amor Ruibal polas obras en Loureiro Crespo

Pontevedra
28 de xuño 2020

As obras que se acometen en Loureiro Crespo e no barrio do Castañal avanzan a partir deste luns cara as rúas Forcarei e Ángel Amor Ruibal e por este motivo é necesario o peche ao tráfico da cidade nese tramo. O peche está previsto ata o 15 de xullo

Corte de tráfico no tramo da rúa Forcarei ata Amor Ruibal (en azul aparecen os tramos en obras) Concello de Pontevedra

A partir deste luns 29, as obras que se acometen na rúa Loureiro Crespo e no barrio do Castañal avanzan cara ás rúas Forcarei e Ángel Amor Ruibal. Por este motivo realizarase un corte de tráfico a partir das 08.00 horas do luns ata o 15 de xullo, aínda que con posibilidade de ampliarse segundo o desenvolvemento dos traballos.

O acceso aos garaxes do tramo en obras realizarase pola rúa Loureiro Crespo, polo carril que se manterá operativo ao tráfico en dirección ao centro da cidade. A partir da intersección coa rúa Amor Ruibal permitirase a circulación cara á Avenida de Lugo.

A obra de reforma de Loureiro  Crepo e O Castañal comezaba o 27 de abril cun orzamento de preto de 3 millóns de euros. O prazo de execución é de 11 meses e a intención do goberno local é trasladar o modelo de cidade a esta zona que comprende as rúas Loureiro Crespo, Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e a praza das  Regas.

En toda esta contorna renovarase a pavimentación e melloraranse as beirarrúas, coa renovación dos servizos que se atopan baixo terra. Tamén está prevista unha nova iluminación, mobiliario urbano e, nalgúns espazos, plantaranse árbores.