Dende o Concello de Marín informaron que o próximo mércores día 20 de xaneiro, terá lugar un corte de auga. Previsiblemente terá unha duración dende as 08:00 horas ata as 14:00 horas.
O motivo é a colocación dun novo caudalímetro automatizado na saída do depósito de Cadrelo, dentro das obras de ACUAES, co obxectivo da mellora desta infraestrutura, incluíndo a telexestión.
Ademais da piscina municipal, o colexio Carballal, os campos de fútbol de San Pedro e a Raña, afectará tamén ás zonas de Moreira, Castro, Cidrás, Sete Espadas, Mogor, Igresario, Brea, Marín de arriba, Pena, Casal, San Xulián, Viñas Blancas, Pituco e o Marco.
DEPÓSITO PARDAVILA
Segundo informou o Concello, o eixo de Marín está en execución e consiste en dous tramos de conducións de 7.691 metros de lonxitude total.
O primeiro, de adución ao novo depósito de Pardavila, de 2.000 metros cúbicos de capacidade e que ten a súa orixe no final do proxecto de Pontevedra e Vilaboa; e o segundo, o tramo de distribución, de 3.475 metros de lonxitude, iníciase no depósito de Pardavila e finalizará na rede de abastecemento de Marín, nas proximidades de Seixo.
Os traballos tamén inclúen a conexión do depósito de Cadrelo.
Na actualidade restan por executar uns 300 metros de conducións e atópase moi avanzada a execución da estrutura do depósito de Pardavila.