As persoas con maior responsabilidade sobre as augas en España e en Galicia reuníanse este luns en Pontevedra co obxectivo de abordar a fórmula de abastecer de auga tanto á cidade de Pontevedra como ao resto de Concellos da ría.
Rosa Cobo, directora xeral de ACUAES (Augas das Concas de España); Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade; e Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia; mantiñan un encontro na sede da Consellería en Pontevedra cos alcaldes afectados.
Á cita acudían os alcaldes de Sanxenxo, Telmo Martín; Poio, Luciano Sobral; Marín, María Ramallo; Vilaboa, César Poza e Bueu, Félix Juncal. Pola contra, non asistiron Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e Andrés Díaz, rexedor de Ponte Caldelas. O Concello de Pontevedra estivo representado polo director xeral de Infraestruturas, Jesús Gómez Viñas, técnico resposnable do Ciclo da Auga.
Durante o encontro analizáronse diversos asuntos pendentes en relación co modelo de xestión da auga. As infraestruturas datan dos anos 80 e foron renovadas e ampliadas ao longo de 2016 por ACUAES cun investimento próximo aos 40 millóns de euros. Entre os puntos analizados, estúdase a creación dunha entidade supramunicipal que se encargue de xestionar a explotación do sistema de abastecemento de auga aos distintos puntos de poboación da ría. Esta creación estaba prevista no Convenio subscrito en 2012 entre os Concellos e ACUAES pero nunca chegou a constituírse.
A proposta, segundo o goberno local de Pontevedra, partíu do propio concello capitalino debido aos "históricos impagos deste subministro por parte dalgúns concellos", como teñen denunciado no conflito aberto con Sanxenxo. O Concello de Pontevedra insiste en que abastece de maneira "leal e segura" a auga sendo "solidario e responsable" con todos os habitantes da ría
Decidiuse tamén que os sete Concellos soliciten conxuntamente unha nova concesión de abastecemento a Augas de Galicia. Con esta concesión garantiríase a elaboración de futuros plans de ordenación urbana nos municipios.
Tanto no caso de solicitar a concesión como no da constitución da entidade supramunicipal, as decisións deberán formalizarse antes do 30 de setembro deste ano. En caso contrario, Augas de Galicia encargarase de xestionar a concesión e encargarase da explotación do sistema en alta. A lexislación relativa á xestión da auga establece, segundo fontes do Goberno, a necesidade de que calquera concesión de auga para abastecemento a varias poboacións, dependentes de distintos municipios, sexa asumida por unha mancomunidade, consorcio ou unha entidade de constitución similar.
Tamén se acordaba que Marín reciba a subministración de auga polo ramal de depósito de Mourente a partir do 1 de xullo. Con esta decisión, os asistentes pretenden evitar as restricións no consumo de auga que, con frecuencia, afectan á vila durante a época do verán.