Extinguido o incendio de Vilaboa despois de arrasar unhas 72,1 hectáreas desde o xoves

Vilaboa
26 de agosto 2025

Este incendio se orixinou o xoves 21 ás 16:37 horas na parroquia de Santa Cristina de Cobres

Incendio en Santa Cristina de Cobres
Incendio en Santa Cristina de Cobres / Mónica Patxot

Boas novas desde Vilaboa: o incendio forestal que desde o xoves pola tarde mantiña en albas a veciños e autoridades quedou extinguido.

Segundo informou a Consellería de Medio Rural, desde as 21.22 horas deste luns 25 de agosto quedou extinguido o incendio forestal na parroquia de Santa Cristina de Cobres.

Este incendio, que se orixinou o xoves 21 ás 16:37 horas, chegou a pór en risco o núcleo de Vilar, o que obrigou a activar a coñecida como "situación 2", unha medida de emerxencia cando hai perigo para zonas habitadas.

Afortunadamente, ese nivel de alerta foi desactivado o venres, xa sen ameaza para as vivendas.

O lume arrasou unhas 72,1 hectáreas de superficie arborada.

Para loitar contra as lapas mobilizouse un gran operativo de maneira acumulada 5 técnicos, 26 axentes, 47 brigadas, 42 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 8 avións.

Ademais, contou co importante apoio da UME (Unidade Militar de Emerxencias), en colaboración cos Bombeiros de Vilaboa e equipos desprazados desde os parques de Pontevedra, O Morrazo e Vigo, ademais de Protección Civil e a Garda Civil.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, desprazouse este sábado até a zona afectada, onde puido ver de cerca o traballo dos militares e demais efectivos. Visiblemente emocionada, agradeceu o seu labor "los militares son muy humildes y nunca presumen de lo que hacen, pero yo sí puedo. Ponen en riesgo sus vidas y dedican su tiempo a todos. Son ustedes un verdadero orgullo".

Tanto a Policía Autonómica como a Garda Civil seguen investigando a orixe do incendio. Todo apunta a que o incendio comezou de maneira fortuíta durante uns labores de roza. Un dos veciños está a ser considerado sospeitoso, e trabállase para determinar a súa posible implicación nos feitos.