Fame de tapas en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
01 de xullo 2017

Boa parte dos 16 locais participantes quedaron sen existencias antes das 11 da noite e algúns alcanzaron a cifra de 300 tapas

Local participante no Caldelas Tapas

A terceira edición do concurso gastronómico Caldelas Tapas arrancou con maior forza que nunca. O certame, que se celebra nas noites de venres do mes de xullo, estreouse cunha cifra récord de máis de 2.000 tapas vendidas nunha soa xornada.

Ao Caldelas Tapas sumáronse este ano 16 locais de hostalería e, como é habitual, a maior animación nesta primeira noite rexistrouse no ámbito urbano, aínda que xa comezaron a chegar comentarios sobre as bondades das tapas que se están a servir nalgúns dos establecementos menos céntricos.

O cartel do concurso serve de guía e roteiro a unha clientela que, nos próximos venres, irá degustando as especialidades que ofrece cada local. A organización estima que de manterse este ritmo todo indica que se superarán moi folgadamente as máis de 5.000 tapas consumidas na segunda edición do Caldelas Tapas.

O Caldelas Tapas descansará o próximo venres, por mor da coincidencia coa II Festa Gastronómica da Emigración, na que a Alameda acollerá 12 establecementos de restauración que ofrecerán pratos típicos relacionados cos países da diáspora galega.