Os novos representantes de Gas Natural Fenosa en Galicia confirmaron que as obras para o soterramento da liña de alta tensión que atravesa o barrio de Monte Porreiro comezarán a finais do próximo mes de marzo.
Así llo trasladaron ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, co que mantiveron unha xuntanza de traballo este martes.
Julio González García, xefe de Distribución en Galicia, e Juan José Coiradas, delegado en Pontevedra, foron as persoas que adiantaron os plans de Fenosa para esta actuación, que se sumará a outros investimentos que se farán na comarca.
Os responsables de Fenosa aproveitaron para analizar co delegado territorial o desenvolvemento da subestación do polígono de Barro-Meis, onde se van a poñer en marcha novas liñas de conexión e distribución de cara a mellorar o subministro de toda a zona.
En canto a comarca do Salnés, destacouse o remate das obras comprometidas no Grove, "onde imos a realizar un seguimento de cara a comprobar se este investimento foi suficiente ou se necesitan máis obras", explicou o delegado territorial.