Feridos dous ciclistas en senllos atropelos na PO-308 en Portonovo e Poio

Poio
16 de setembro 2017
Actualizado: 14:59

Ambos os dous sucesos producíronse ao redor das 11:00 horas deste sábado en similares circunstancias

Ciclista atropelado na PO-308 en Poio
Ciclista atropelado na PO-308 en Poio / Asociación Pedaladas

Dúas persoas que circulaban en bicicleta pola estrada PO-308 resultaron feridas durante a mañá deste sábado ao ser atropelados por senllos vehículos.

O primeiro dos accidentes tivo lugar en Poio, ao redor das 11:00 horas da mañá.

Un particular chamou ao 112 Galicia a esa hora, trasladando a central de emerxencias a alerta ao 061, Protección Civil, Policía Local, Garda Civil de Tráfico e ao GES de Sanxenxo.

Só 10 minutos despois o 112 recibía outra chamada informando dun suceso de similares características na mesma estrada, pero nesta caso á altura de Portonovo.

A persoa que alertou da situación indicou que o deportista precisaba asistencia sanitaria tras ser alcanzado por un coche, polo que tamén se mobilizaron os diferentes servizos de atención ás emerxencias.

PEDALADAS PIDE UNHA ACTUACIÓN URXENTE NA PO-308

Tras ter coñecemento de ambos os dous accidentes, a Asociación Pedaladas expresou o seu pesar pola situación de inseguridade que os ciclistas viven neste viario e solicitou a intervención da Xunta de Galicia "antes de que se produza outro morto", sinalaron a través dun comunicado.

Pedaladas agarda que a administración autonómica "acometa de forma urxente" obras de acougado de tráfico na via, que melloren a seguridade de peóns e ciclistas. Ademais piden a Tráfico e ás policías locais de Poio e Sanxenxo que eliminen os "estacionamentos ilegais" nas súas beiravías.