Festa da Auga baixo a chuvia

O Salnés
16 de agosto 2022

A seca condiciona o regreso, tras dous anos ausente pola pandemia, dunha celebración que congregou a centenares de persoas nas rúas de Vilagarcía

Festa da Auga 2022 en Vilagarcía PontevedraViva

Vilagarcía volveu a celebrar este martes a súa tradicional Festa da Auga. Despois de dous anos ausente pola pandemia, a seca foi a que condicionou o regreso dun festexo que volveu reunir desde altas horas da madrugada a centenares de persoas bailando e celebrando baixo os cubos de auga que, como marca a tradición, lanzaban os veciños desde os seus balcóns.

Nin a intensa choiva caída pola noite e tras a saída do sol, nin as restricións municipais ao consumo de auga espantaron aos asistentes a unha das citas ineludibles das festas estivais en Galicia.

Por parte do Concello, para evitar que se malgaste máis auga da necesaria, decretaron o baleirado das fontes e o corte de todas as tomas de auga das rúas. Aínda así, foron numerosas as voces, sobre todo en redes sociais, que criticaron a organización desta festa no medio dunha alerta por seca. 

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, referiuse tamén a esta celebración para criticar o "uso lúdico" da auga. Neste sentido, insistiu en que, a pesar das choivas das últimas horas, o número de concellos con restricións pola seca aumentará e pide á cidadanía utilizar a auga para "o imprescindible".

A encargada de lanzar o primeiro cubo de auga foi a baloncestista vilagarciá do AD Cortegada, Sara Gómez. A deportista leu, desde o alto dun guindastre, o pregón que deu por inaugurada a Festa da Auga.