Festa na Illa de Arousa na inauguración das reformadas Casas Modernistas

O Salnés
29 de marzo 2022

As tres históricas vivendas da rúa Marqués de Bradomín acollerán á Asociación de Persoas Xubiladas da Illa de Arousa, á Escola de Música e a Biblioteca Municipal

Inauguración das Casas Modernistas

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Carlos Iglesias, abriron este martes as portas das reformadas Casas Modernistas da Illa de Arousa nun acto de inauguración que converteu á localidade nunha auténtica festa na que participou a veciñanza. 

Materialízase así a longa e histórica demanda da illa que desde hoxe poden gozar dun novo espazo sociocultural "un exemplo de acción pública", subliñou a presidenta provincial.

No acto de apertura, que contou coa música de Budiño, a presidenta descubriu xunto ao alcalde dúas placas conmemorativas na casa de Dona Tomasa, que será o lugar de encontro da Asociación de Persoas Xubiladas da Illa de Arousa, e na casa de Goday, onde se situará a biblioteca municipal. Tamén escoitou as explicacións da historia da Casa de Dona Tomasa e desfrutou do bo facer musical da veciñanza da Illa na Casa do Campaneiro, que, cunha ampla sala de exposicións e reunións para entidades culturais e cun auditorio, acollerá a Escola de Música da vila.

Pola súa banda, o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, que cualificou a xornada como "día importantísimo" e á actuación como "feito histórico", remarcou que "tiñamos claro o proxecto pero para un Concello de 5.000 habitantes sempre foi tarefa ardua acadar a financiación. Grazas á Deputación hoxe está materializado e despois de moito traballo, gañamos moito espazo público para desfrute das veciñas e veciños". 

A restauración, rehabilitación e transformación das casas modernistas situadas nos números 1,3 e 5 da rúa Marqués de Bradomín ascendeu a 2,7 millóns de euros dos que a Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos, achegou máis de 2,5 millóns de euros. 

O arquitecto responsable do proxecto, Manuel Gallego Jorreto, premio Nacional de Arquitectura, conservou a imaxe orixinal das tres vivendas demolendo os seus elementos interiores para adaptalas a novos usos socioculturais.