O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, achegábase a coñecer a fase final da obra de asfaltado da rotonda da estrada nacional N-541. Neste punto, amosaba a súa satisfacción porque con estes traballos vaise solucionar o problema de seguridade vial existente no acceso ao núcleo urbano de Cerdedo, no cruce que dá acceso ao vial cara a Sabucedo e A Estrada, e que levaba anos sendo obxecto de reclamación por parte do goberno municipal ante o Ministerio de Fomento.
Jorge Cubela explicaba que "estas glorietas xa foran proxectadas na época de Ana Pastor, como ministra de Fomento, pero chegou a moción de censura contra o presidente Rajoy e as rotondas entraron nun proceso de demora inxustificable".
Co remate desta segunda rotonda salientaba que á fin se pode culminar o obxectivo de calmado do tráfico, xa que permitirá reducir a velocidade dos moitos vehículos que utilizan esta estrada nacional a diario, por ser unha arteria de comunicación entre as provincias de Pontevedra e Ourense.
"Agora co asfaltado desta segunda rotonda remátase un proceso de reivindicación e de xestión ante o Ministerio de Fomento que levou tempo e tempo resolver e que, afortunadamente, agora vemos que se está concluíndo. Estas dúas rotondas, á entrada e á saída do núcleo urbano de Cerdedo, permiten que o tráfico discurra de xeito máis calmado favorecendo a seguridade dos peóns e tamén dos vehículos con circulación local que se incorporan á N-541 para transitar dun lado a outro do municipio", apuntaba o alcalde de Cerdedo-Cotobade.