Finalizados os traballos de pintado do 'skatepraza' de Raíña Vitoria

Pontevedra
14 de outubro 2022

Este novo espazo de ocio e deporte urbano "xa é unha realidade plena", indican desde o goberno local, "unha realidade que chegou a ser estreada antes da súa finalización, cunha mocidade que tomou a zona, mesmo antes destas últimas actuacións en forma de traballos de pintado"  

Usuarios no skatepraza Mónica Patxot

Os traballos de pintado do 'skatepraza' de Raíña Vitoria están finalizados, segundo informou este venres o Concello de Pontevedra.

Este novo espazo de ocio e deporte urbano "xa é unha realidade plena", indican desde o goberno local, "unha realidade que chegou a ser estreada antes da súa finalización, cunha mocidade que tomou a zona, mesmo antes destas últimas actuacións en forma de traballos de pintado".

O pintado do asfalto foi o protagonista destes últimos días, nos que a zona estivo pechada, para favorecer a transformación do piso da zona co fin de permitir un mellor uso deslizante para os skaters. O prazo de pintado durou o tempo estimado de tres días, coa sorte de evitar a choiva que ameazou un posible atraso.

Agora, as pezas totalmente instaladas e aseguradas e o novo asfaltado recolle dúas novas cores: o branco e o azul, e a marca institucional do Concello que sirve para marcar as entradas e saídas dos elementos sobre os que practicar, funcionando como guías visuais sobre o asfalto dun xeito intuitivo e útil.

Pero pola choiva caída este xoves provocou, segundo testemuñas, que a zona estea "máis esvaradía do normal" e terán que esperar a que a zona seque do todo para poder patinar sen problemas. 

O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, agradece a todos os usuarios da zona "por respectar estes últimos traballos de pintado, que precisaban repouso e secado, polo que non podía ser utilizado o espazo. A partir de hoxe xa é posible".