Finalizan as obras do Plan de Vias de Carballedo

Cerdedo Cotobade
18 de setembro 2019

As obras, deseñadas en base ás necesidades veciñais, consistiron na mellora en Pazos,  Paraños, Atalaia, Trabazo e a conexión da parcelaria en Iglesia, que incluíron, en todos os casos, a renovación do firme, a limpeza e a apertura de cunetas

Carballedo Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de terminar as obras en Pazos, Paraños, Atalaia, Trabazo e a conexión da parcelaria en Iglesia, incluídas no Plan de Mellora de Vías Municipais 2019.

A mellora da vía interior de Pazos, que permite conectar o lugar co núcleo urbano de A Chan, consistiu na construción dunha potente soleira de áridos e a instalación de mallazo metálico na base para facela máis consistente e evitar a rápida deterioración. Tamén se construíron canalizadores de auga e unha capa de rodadura de formigón.

Posteriormente actuouse en Paraños, Atalaia, Trabazo e Igreza coa limpeza de marxes e apertura de cunetas en todos os casos. A continuación, instalouse unha nova pavimentación para corrixir a deterioración e dotouse dunha base para facela máis resistente.

O Plan de Vias de Carballedo estivo orzamentado en 120.000 euros e comezou o ano pasado coa apertura dun novo e amplo vial na parte posterior do colexio público e favorecer o acceso ao centro educativo en vehículos particulares e en transporte público e coa dotación na contorna de prazas e aparcamento para autobuses.

O alcalde, Jorge Cubela, destacou que as obras realizadas, e deseñadas en base ás necesidades veciñais, "deixan as conexións da parroquia en perfectas condicións" e que se complementasen con "o forte investimento, de máis de 500.000 euros para humanizar o centro da capital e dotalo dun gran aparcamento público e gratuíto diante do centro de saúde".