Finalmente en Poio, polo San Xoán, nin cacharela nin sardiñada que pingue no pan

Poio
29 de maio 2020

Danse practicamente por suspendidos os festexos na honra de San Xoán ata 2021 e o Concello estuda no seu lugar actividades para grupos reducidos, iniciativas culturais para a poboación infantil e seguir ofertando accións por redes sociais

Celebración de San Xoán na Seca, Poio
Celebración de San Xoán na Seca, Poio / Mónica Patxot

O Concello de Poio tomou a decisión de suspender os tres eventos que maior número de público congregan durante as súas tradicionais festas de San Xoán obrigado polos condicionantes de prevención sanitaria que conleva a pandemia da COVID-19.

Así este 2020 na chaira da Seca non haberá cacharela, non haberá sardiñada popular e tampouco se celebrarán verbenas. Ademais, considérase practicamente tomada a decisión de suspender os actos en honra a San Xoán ata o ano próximo, en lugar de aprazalos.

Esta decisión vén acompañada da intención de manter para a edición de 2021 as contratacións que estaban pechadas para este próximo mes de xuño. No seu lugar e para tratar de minguar o impacto que estas cancelacións conlevan, a administración local traballa con outras alternativas factibles dentro das limitacións de acción do contexto actual.

O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, apelando sempre á precaución, expón eventos aos que poidan acudir grupos reducidos: "estamos a estudar fórmulas para os pequenos e tamén a posibilidade de organizar pequenas actuacións musicais", avanza o responsable nacionalista.

Xunto a estas propostas presenciais, búscanse outras telemáticas, a través de redes sociais, tal e como se fixo coa Festa do Maios ou o Día das Letras Galegas.

Ante a toma de decisións como esta, con consecuencias de importante calado para a economía local, Martínez estima que "este é o procedemento adecuado neste momento", pero tamén critica a falta de implicación da Xunta de Galicia por "a ausencia de directrices sobre as verbenas de verán, limitándose unicamente a non opoñerse á celebración deste tipo de eventos".

Nese mesmo sentido, o Concello de Poio está a esperar unha decisión das autoridades competentes sobre permisos para realizar cacharelas particulares: "deben aclarar esta cuestión, e sobre todo, en que condicións poderíanse realizar en caso de aprobalas".