A celebración ou non de cacharelas por San Xoán é decisión dos Concellos

30 de maio 2020

O estado de alarma ou as fases de desescalada limitan convocatorias masivas; con iso en conta, son os Concellos os que teñen as competencias para permitir ou non as fogueiras nos seus municipios segundo a Xunta

Celebración de San Xoán na Seca, Poio
Celebración de San Xoán na Seca, Poio / Mónica Patxot

Por estas datas habitualmente os Concellos adoitan comezar a facer públicos os bandos, requisitos ou solicitudes para a celebración das tradicionais cacharelas de San Xoán nos seus respectivos municipios. Con todo este ano, as circunstancias ás que obriga a pandemia provocada pola COVID19 limitan, cando non impiden, eventos masivos.

Neste contexto, esta semana o Concello de Poio anunciaba a suspensión dunha das súas convocatorias máis populares durante as Festas en honra a San Xoán, a cacharela que se acende na chaira da Seca. Á vez que se facía pública esta decisión, a administración local sinalaba que estaba á espera dunha decisión por parte das autoridades competentes sobre permisos para realizar fogueiras particulares. O concelleiro delegado de Turismo, Xosé Lois Martínez instaba a que aclarasen esta cuestión "e sobre todo en que condicións poderíanse realizar en caso de aprobalas".

Desde a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra sinalan que a administración autonómica non é entidade competente no permiso de fogueiras; xa que estes corresponden aos Concellos. Engádese que o cumprimento das normas vixentes debe ser coordinado entre as Policías Locais e a Subdelegación do Goberno.

A celebración desa arraigada tradición en Galicia, viña presentando diferentes circunstancias dependendo dos concellos. No caso de Pontevedra, a administración local non organiza como tal cacharelas, e para aqueles particulares e colectivos que queiran facelas solicita unha inscrición previa aceptando unhas condicións concretas para o seu desenvolvemento.

En Marín, o Concello non permite acender cacharelas nas praias do seu municipio; en Sanxenxo limítase a algunhas praias concretas, o ano pasado en cinco delas; mentres que por exemplo en Bueu, prohibía cacharelas en areais con bandeiras azuis e nas restantes respectando as condicións establecidas nun bando da alcaldía.