Fronte común entre Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior para reclamar unha vía verde até Arcade

Pontevedra
24 de abril 2015

O concelleiro Luís Bará mantivo este venres reunión con entidades e asociacións do concello de Vilaboa que apoian a recuperación da vía do tren entre Arcade e Pontevedra, para transformala en vía verde. O obxectivo deste encontro é facer unha fronte común entre Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior, a través de distintos colectivos dos lugares polos que pasa a vía para reclamar que se cree esa vía verde

Xuntanza para crear unha vía verde entre Arcade e Pontevedra
Xuntanza para crear unha vía verde entre Arcade e Pontevedra / Daniel Santomé

O concelleiro Luís Bará mantivo esta tarde unha reunión con entidades e asociacións do concello de Vilaboa que apoian a recuperación da vía do tren entre Arcade e Pontevedra, para transformala en vía verde. O obxectivo deste encontro é facer unha fronte común entre Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior, a través de distintos colectivos dos lugares polos que pasa a vía para reclamar que se cree esa vía verde.

De feito, o concelleiro tratará de manter nas próximas semanas unha reunión en Figueirido coas asociacións e entidades da zona (Bértola, Tomeza, Arcade, Ponte Sampaio) para concretar esta reclamación. Pola súa banda, o Concello de Pontevedra comprometerase a realizar os contactos institucionais necesarios para conseguir que o resto dos concellos se impliquen nesta reclamación ao igual que a Deputación.

Cabe lembrar que a antiga vía do tren entre Arcade e a estación de Pontevedra deixou de ter uso ferroviario de pasaxeiros e mercadorías unha vez que se creou a nova vía do Eixo Atlántico. Dende o Concello de Pontevedra se apoia a transformación desta vía nunha senda verde peonil e ciclista, duns 10 km, aproveitando o antigo trazado.

No tramo entre Arcade e Figueirido, o aproveitamento do trazado sería máis sinxelo xa que discorre totalmente separado da liña do tren do Eixo Altántico. No caso de Figueirido-Pontevedra cabrían dúas opcións: ben transformar a antiga vía férrea, ben aproveitar as vías de servizo paralelas ao trazado do Eixo Atlántico.

Con esta infraestrutura conseguiríase mellorar:

  • A mobilidade ciclista entre Arcade e Pontevedra, como alternativa segura, saudable e sostible ao tráfico a motor; co desdobramento da avenida de Vigo permitiría chegar dende Arcade até o parque de Campolongo e o corazón da cidade.
  • O uso recreativo xa que ofrece unha conexión directa entre a rede peonil a cidade de Pontevedra, o ENIL do río dos Gafos-Tomeza; as Salinas de Vilaboa; a Illa da Insuíña; a ponte medieval de Ponte Sampaiao e o paseo marítimo de Arcade.
  • E o uso turístico dunha vía verde paralela ao Camiño portugués e que segue en gran parte do seu percorrido o trazado da vía Romana XIX.

 

O Concello xa lle transmitiu ao Ministerio de Fomento o seu interese en transformar en vía verde este tramo ferroviario en desuso. Foi o pasado agosto de 2014. Esta misiva foi contestada polo ministerio o pasado mes de febreiro que indica que "unha vez que se poña en servizo o Eixo Atlántico, e determínese o encamiñamento dos servizos ferroviarios de mercadorías, estudiarase a situación da ponte sobre o río Ulló".