Ninguén o sabia, pero o expediente de declaración de herdeiros de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao permanecía custodiado nos xulgados de Pontevedra.
Un funcionario localizouno durante o proceso de reordenación de fondos antigos do Arquivo Xudicial de Xestión do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra.
Unha vez localizado, o órgano xudicial decidía cedelo, para a súa custodia, e pola relevancia do expediente, ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.
Así, o propio xulgado emitiu un acordo gubernativo no que se acordou a transferencia do expediente ao arquivo, "atendido o seu notorio interese histórico, social e cultural".
A resolución fai constar que entre os fondos do Arquivo Histórico xa se atopan outros expedientes xudiciais antigos deste e doutros xulgados de Pontevedra.
Dadas estas circunstancias, o xulgado entende que reúne as condicións máis axeitadas para a conservación, custodia e investigación do expediente.
O acto oficial de cesión farase este xoves, 16 de outubro, na propia sala de vistas que adoita utilizar este xulgado no edificio xudicial da Parda.
Narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante, médico, político e figura fundamental das letras e o nacionalismo galego, Castelao casou con Virxinia Pereira Renda e tivo un fillo, Afonso Xesús Castelao Pereira. Tamén tivo dúas irmás, Teresa e Joaquina Rodríguez Castelao.