A II Gala da Hostalería recoñece o talento dos 20 establecementos participantes no TapeaPoio

Poio
03 de xuño 2025
Actualizado: 6:51

O xurado experto premiou ao Restaurante Evoca, na categoría de tapa Creativa, e Casa Ces na categoría de tapa Tradicional. Os premios do Público nas dúas categorías recaeron en Casa Ces

Gala de entrega premios TapeaPoio 2025
Gala de entrega premios TapeaPoio 2025 /

O Pazo de Colón, na Caeira, acolleu este luns a II Gala da Hostalaría de Poio, unha cita que se converteu nunha auténtica festa para honrar ao sector turístico e gastronómico local, e reivindicar o seu papel como un dos grandes referentes culinarios das Rías Baixas, onde brilla con luz propia.

Durante o evento entregáronse os galardóns do público e o xurado aos establecementos gañadores da segunda edición de TapeaPoio, así como máis de corenta premios sorteados entre as persoas que degustaron e valoraron as distintas tapas, cun total de máis de 7.500 euros en premios a clientes e restauradores, aportados por empresas e colectivos do municipio.

O obxectivo, recoñecer o talento e o esforzo dos 20 establecementos participantes, que presentaron un total de 24 propostas gastronómicas, ademais da implicación de veciños e visitantes que degustaron máis de 5.000 tapas entre o 2 e o 18 de maio. 

Gala de entrega premios TapeaPoio 2025
Gala de entrega premios TapeaPoio 2025

O acto estivo presidido polo alcalde, Ángel Moldes, e contou coa presenza do Director do Centro Superior de Hostalería de Galicia, José Paz Gestoso, en representación da Xunta de Galicia, representantes de Turismo Rías Baixas, a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, e outros membros da corporación municipal, así como representantes das empresas e entidades colaboradoras e os membros do Xurado Experto.

Ángel Moldes subliñou que esta entrega de premios "non é só un final, é un recoñecemento á Hostalaría de Poio, porque o que temos aquí é talento, esforzo, calidade e moito orgullo".

Quixo destacar o éxito do TapeaPoio 2025, "un éxito rotundo non só polos números, que tamén son impresionantes, senón porque demostramos que en Poio sabemos sumar e porque supuxo un escaparate para os nosos establecementos e unha oportunidade para que moita xente descubrira —ou redescubrira— o que temos aquí. Porque Poio é mar, é natureza, é monte, é historia... pero tamén é gastronomía. E temos que crer máis ca nunca en nós mesmos". Por todo iso, engadiu, "o TapeaPoio é xa unha marca propia. É identidade. É futuro. E xuntos estamos facendo de Poio un lugar onde sempre apetece estar, tamén fóra do verán, porque aquí hai vida todo o ano".

Gala entrega premios TapeaPoio 2025
Gala entrega premios TapeaPoio 2025

PREMIOS DO XURADO TAPEAPOIO 2025

O Xurado Experto, formado polos chefs con Estrela Michelín Xosé Cannas (Restaurante Pepe Vieira) e Pepe Solla (Restaurante Casa Solla), a empresaria e consultora gastronómica Marga Pazos (Salmoira) e o influencer culinario e de viaxes Alberto Rivas (Alvientoo), outorgou os seguintes premios por decisión unánime.

O Xurado experto premiou a "Batea Escabechada" do Restaurante Evoca, na categoría de tapa Creativa, e "A Gula do Xabaril" de Casa Ces na categoría de tapa Tradicional, dous establecementos que "representan á perfección a diversidade e a complementariedade da oferta gastronómica do concello".

Ambos premios consisten nun cheque de 600 euros no Cash Froiz, un certificado acreditativo e un mandilón conmemorativo bordado para os chefs.

Os premios do Público nas dúas categorías recaeron en Casa Ces, sendo "A gula do Xabaril" a tapa tradicional máis votada e a "Filloa de Mar" a preferida na modalidade creativa, mentres que os segundos premios foron para a "Cazoliña Rey", do restaurante Entrepedras (tradicional) e "Burger Morriña", da Cafetería Ferreti, en categoría creativa.

Os primeiros premios de cada categoría consisten nun cheque de 600 euros no Cash Froiz, cun segundo premio de 300 euros, tamén no Cash Froiz.

Ademais, entregáronse placas de recoñecemento pola participación no II certame TapeaPoio aos demáis establecementos participantes: Mesón Lameiriña, Cervecería-Tapería Amura e Restaurante Coral (Raxó); Restaurante "O Novo Lar de Expósito" (Samieira); Tintanegra, Mirabous, La Espuela, O Peirao, O Bocoi, El Barril e Torna (Combarro); Pinela Terraza, O Eirado das Margaridas, Chegar e Encher e Aquelo (San Xoán) e Casa Angelita (San Salvador).

Repartíronse tamén 44 premios para o público participante, valorados en máis de 4.500 euros.

Gala entrega premios TapeaPoio 2025
Gala entrega premios TapeaPoio 2025