Os dezaseis centros de vacinación masiva de Galicia, entre eles os de Pontevedra e Vilagarcía, reabriron as súas portas este venres para inxectar a terceira dose de reforzo á poboación de 70 a 79 anos e para os que foran inmunizados co soro de Janssen.
Ata a delegación da Xunta en Campolongo, nova sede do 'vacinódromo' pontevedrés, desprazouse o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que explicou que ata este punto tamén poderán acudir -con cita ou sen ela- os que aínda non se vacinaron.
Galicia conta actualmente cun 93,4% da poboación diana, maiores de 12 anos, que xa ten a pauta completa de vacinación, unha porcentaxe que na área de Pontevedra é aínda maior, alcanzando o 94,57% das persoas susceptibles de ser inmunizadas.
Nesta nova etapa de vacinación, as autoridades sanitarias prevén vacinar a uns 291.400 galegos de 70 a 79 anos, aos que se sumarían os preto de 124.000 que recibiron no seu día a vacina monodose da farmacéutica belga.
Esta vacinación, segundo García Comesaña, segue sendo a "ferramenta máis importante" para loitar contra a covid-19 e aínda que destacou os "excelentes" datos da campaña de inmunización en Galicia insistiu que "queremos que aínda melloren máis".
A este respecto, o titular de Sanidade informou que o 20% dos ingresados con coronavirus nos hospitais galegos son persoas que non se vacinaron, mentres que nas UCI son o 50%, cando a poboación non inmunizada é apenas do 6% en Galicia.
Moitos dos contaxios actuais están a rexistrarse entre os menores de 12 anos, polo que o conselleiro recoñeceu que "nos preocupa" o ámbito educativo. Por iso, avogou porque a vacinación dos escolares poida realizarse "o antes posible".
Confía en que "en dúas ou tres semanas" a Axencia Europea do Medicamento avale as vacinas infantís. Galicia, afirmou Julio García Comesaña, "temos todo preparado" a falta de saber que soro ou canta dose se lles inxectará. "Probablemente sexa un terzo", dixo.
Sobre a vacinación da poboación entre 60 e 69 anos e do persoal sanitario, anunciada polo Goberno central, o conselleiro lamentou que se anunciou "de xeito sorpresivo" e sen ser analizada no seo da Comisión de Saúde Pública, polo que solicitou que cesen estes anuncios "extemporáneos" e se clarifiquen os criterios de inmunización.
Ademais, García Comesaña tamén advertiu da subida "a un ritmo constante" dos casos activos por covid-19 en Galicia, especialmente pensando na inminente ponte de decembro e nas festas do Nadal, polo que pediu "prudencia".
De momento, explicou, "estamos a centrar os esforzos na vacinación" e en pedir o certificado covid en determinadas actividades "para animar os non vacinados e dar seguridade aos que o están", cuxo uso podería ampliarse se a incidencia acumulada da pandemia continúa crecendo.
O vindeiro luns Sanidade reunirase de novo co sector da hostalería para analizar a situación actual, aínda que de entrada a Xunta opta por non modificar o sistema de aforos e reforzar elementos que dan "mellores garantías" como o certificado ou a renovación do aire.