Na Xunta Local de Seguridade de Poio, celebrada este mércores, tomouse a decisión de que a Garda Civil asuma provisionalmente, durante os próximos catro meses, o seguimento das catro vítimas de risco baixo e non apreciado existentes no municipio.
O motivo desta decisión é a precaria situación do cadro de persoal da Policía Local, que conta con 7 axentes en servizo sobre un total de 13.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recalcou que Poio está adherido ao convenio VioGén e debe, por tanto, cumprir coas súas obrigas, ademais das previstas no protocolo no que se desenvolve a cooperación entre Garda Civil e Policía Local.
Sen embargo, a petición do alcalde de Poio, Ángel Moldes, aceptouse que sexa a Garda Civil a que faga, temporalmente, o seguimento destas catro vítimas, agora asignadas á Policía Local.
Abel Losada fixou un prazo de catro meses. Pasado ese tempo reavaliarase a situación e tomarase unha decisión definitiva, toda vez que Moldes anticipou as súas previsións de cubrir vacantes e incorporar axentes en prácticas.
A xefa da Unidade de Prevención da Violencia da Subdelegación do Goberno, María José Rodríguez, explicou que en Poio hai 42 vítimas no sistema VioGén das que ningunha está en risco Extremo, unha en Alto, 6 en Medio, 16 en Baixo e 19 en Non Apreciado. A Policía Local ten asignado o seguimento de 2 vítimas en Risco Baixo e outras 2 en Non Apreciado.
De tódolos xeitos, a Garda Civil e a Policía Local continuarán colaborando estreitamente, como destacou Abel Losada, tanto na protección das vítimas de violencia de xénero como no mantemento da seguridade cidadá.
Ademais, durante a Xunta Local acreditouse que a Policía Local efectuou correctamente, ata o día de hoxe, o seguimento das 4 vítimas que tiña asignadas.
O tenente coronel da Garda Civil, Óscar Graña, explicou bos resultados do Plan Director da Garda Civil para a formación e prevención do delito a través de sesións de formación ao alumnado dos centros educativos, nais e pais e profesorado.
A Garda Civil realizou 37 sesións formativas en Poio durante o pasado ano, nas que tomaron parte 1.175 alumnos, 60 profesores e 13 pais. O subdelegado reclamou ao Concello colaboración para incrementar o número de nais e pais nas charlas específicas que a Garda Civil ofrece a este colectivo. Neste senso recordou que a Subdelegación está promocionando esta iniciativa entre as ANPAs da provincia. Deste xeito, durante o ano pasado foron máis de 2.000 os pais participantes, polo que en Poio hai marxe de mellora. Para chegar a un maior número de familias o subdelegado está a solicitar a todos os concellos que ofrezan locais nos que poder celebrar estas charlas específicas do colectivo parental de maneira conxunta para tódolos centros.
Finalmente, o subdelegado recolleu o agradecemento do alcalde pola incorporación de Poio ao novo servizo de expedición de DNI e Pasaporte a través do Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) e, finalmente, o recoñecemento á estreita colaboración que a Garda Civil presta nas actividades organizadas polo Concello. Neste senso comprometeuse a entregar un calendario actualizado de todos os eventos programados para este ano, que comezarán coas Festas de Campelo e concluirán coa saída da Volta Ciclista a España.