O pleno do Concello de Barro aprobou a adxudicación do novo contrato para a explotación integral do servizo de abastecemento de auga potable á empresa Gestagua – Xestión Integral da Auga.
A decisión permitirá mellorar a xestión dun servizo esencial en todo o termo municipal e ampliar a cobertura a novos ámbitos.
O contrato inclúe o abastecemento de auga en todo o concello e incorpora, por primeira vez, o subministro ao núcleo de Santo Antoniño.
Ademais, abrangue o servizo de saneamento e depuración do polígono industrial de Outeda–Curro.
O orzamento estimado da adxudicación ascende a 1.301.157 euros, e terá unha duración máxima de cinco anos, correspondentes a catro anos de contrato máis un ano de prórroga, conforme ao establecido nos pregos da licitación.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, cualificou a aprobación do contrato como "un paso fundamental para garantir un servizo de auga axeitado á realidade actual do concello", destacando que permitirá unha xestión máis eficiente e un mellor mantemento das redes municipais.
Segundo explicou, o obxectivo do goberno local é contar cun servizo moderno, capaz de responder ás necesidades da veciñanza e ás esixencias técnicas actuais.
O rexedor subliñou tamén a importancia da inclusión do núcleo de Santo Antoniño no novo contrato, ao considerar que supón "un avance moi importante" para mellorar a calidade do servizo e dar resposta ás demandas da veciñanza desta zona. Así mesmo, indicou que a adxudicación é o resultado dun traballo técnico e administrativo desenvolvido ao longo do tempo, orientado a avanzar cara a unha xestión integral da auga acorde coa normativa vixente e coas directrices europeas.
Dende o Goberno local destacan que con esta aprobación plenaria, "o Concello de Barro reafirma o seu compromiso cunha xestión responsable e sostible da auga, coa finalidade de ofrecer un mellor servizo á cidadanía e asegurar un mantemento máis eficaz das infraestruturas municipais".