O goberno de María Ramallo defende a súa xestión da dársena e responde ás críticas do BNG

Marín
19 de febreiro 2025

O Concello sinala que nin o BNG nin o PSOE alegaron contra o canon durante a aprobación do prego e insiste en que se traballa en mellorar os espazos cedidos polo Porto de Marín, atendendo á Lei de Portos do Estado, que obriga a pagar canons

Dársena de Marín, o Cemiterio de chalanas
Dársena de Marín, o Cemiterio de chalanas / Concello de Marín

O Concello de Marín, gobernado polo Partido Popular, saíu ao paso das críticas realizadas nas últimas horas polo BNG sobre a xestión da dársena portuaria.

O BNG cuestionou o pago de canons, algo que o Concello considera unha "desinformación" xa que, segundo expón, nin o PSOE nin o BNG alegaron contra o canon durante o proceso de aprobación do prego.

O goberno de María Ramallo destacou o traballo realizado durante a última década para mellorar os espazos cedidos polo Porto de Marín, subliñando que todas as accións están suxeitas á Lei de Portos do Estado, que obriga ao pago de canons polos espazos ocupados.

Entre os logros destacados, o Concello menciona a recuperación de metros para estacionamento na Praza de España, a creación do Auditorio de Marín, a posta en marcha do Espazo Emprendedor (bonificado ao 100%) e a remodelación do Paseo Alcalde Blanco, que inclúe un local de hostalaría.

Ademais, o goberno municipal solicitou á Autoridade Portuaria a cesión doutro local de hostalaría para que a súa concesión sexa municipal.

Outro proxecto destacado, segundo sinala o Concello, é a creación de piscinas naturais de auga salgada na antiga dársena portuaria, unha iniciativa financiada ao 100% con fondos europeos do Plan de Sostibilidade Turística. Este proxecto, que non custará ningún euro ás arcas municipais, alegan, busca recuperar un espazo degradado e convertelo nunha zona de actividades náutico-deportivas e recreativas.

O Concello recorda que o canon anual pola concesión da dársena é de 13.000 euros, xa coa bonificación do 50% negociada coa Autoridade Portuaria. Ademais, subliñou que esta situación é común en todos os concellos con portos de interese xeral, como Vigo, A Coruña, Vilagarcía e Ferrol.

RESPOSTA DO PSOE

Por outra banda, o PSOE de Marín desmentiu as acusacións do BNG de que o seu portavoz, Manuel Pazos, votara a favor da concesión da dársena no Consello do Porto.

"Dixeron que eu votara a favor da concesión da dársena de embarcacións no Consello do Porto e das taxas de aplicación, algo que é completamente falso. Quero deixalo moi claro porque non me gusta que se confunda a xente nin tampouco diluír a responsabilidade da Sra. Ramallo en todo este desaguisado", afirma Pazos.

O portavoz socialista asegurou que non puido votar debido a un conflito de intereses e que, de facelo, o seu voto sería negativo.

O PSOE mantén a súa oposición ao proxecto, considerando que a concesión é "fraudulenta" e "gravosa" para as arcas municipais. "Seguiremos a traballar como fixemos dende o principio para que esa zona sexa unha dársena de embarcacións mariñeiras e ademais para que non resulte gravosa para as arcas municipais", sinala o socialista.