‘Goza do teu punto G’, a campaña de Soutomaior para a normalización do galego

Soutomaior
23 de xaneiro 2025
Actualizado: 20:13

O concello presenta a nova campaña de Normalización Lingüística, que chegará á administración local, á música, ás artes escénicas, ao deporte e, en definitiva, ao día a día das veciñas e veciños

Campaña de normalización lingüística de Soutomaior Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior pon en marcha unha nova campaña de Normalización Lingüística, 'Goza do teu punto G, o galego dáche un punto', que chegará á administración local, á música, ás artes escénicas, ao deporte e, en definitiva, ao día a día das veciñas e veciños de Soutomaior. 

Desde o Concello presumen de que Soutomaior sempre estivo á vangarda na defensa do idioma. Foi o primeiro concello en ter unha rúa co nome de Castelao e de Alexandre Bóveda e o primeiro en ter unha ordenanza de Normalización Lingüística, norma que se modificou no ano 1999 e que foi aprobada por unanimidade no pleno da corporación. 

Esta campaña chega como resposta aos últimos datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que certifican que son xa máis os e as cidadáns que residen en Galicia falando sempre en castelán, un 29,66%, que os que utilizan a lingua cooficial no seu día a día de forma continua, un 24,37%.

O alcalde de Soutomaior e concelleiro de Normalización Lingüística, Manu Lorenzo, explica que "por este motivo decidimos levar adiante unha campaña en positivo, transversal e cun toque de humor para poñer en valor todo o potencial que ten o noso pobo e todo o que podemos ser dende o galego".

Con esta campaña, animan a toda a veciñanza "a Gozar do seu punto Galego nas artes escénicas, na música e no seu día a día" e deseñaron actividades e iniciativas de promoción do galego na administración pública, actividades de promoción de galego no ensino e actividades de normalización lingüística que "traerán a Soutomaior algunhas das principais referencias artísticas do noso país que nos van  dar un punto en galego e animarannos a gozar dese punto G do idioma". 

Así, impulsará o galego na escena ofertando unha axenda municipal con propostas de grandes compañías como Talía Teatro, Excéntricas, Tarabela Creativa, Centro Dramático Galego; e tamén no eido da música e dos monólogos con Carlos Blanco, Isa Risco, Avelino González, Celsiño, Arantxa Treus, Mini Rivas ou Tino Baz.

Tamén impulsarán o galego no deporte a través de convenios coas entidades deportivas e nas promoción do deporte en galego; e traballarán para normalizar o uso da lingua na promoción económica, traballando conxuntamente co tecido económico.

A campaña tamén traballará nas TIC, aumentado a creación de contidos en galego nos soportes dixitais e comunicativos do Concello e impulsando a creación de recursos en galego para compartir nas redes sociais; e no ensino e coa mocidade, apoiando aos centros educativos na labor de transmisión da lingua, colaborando coas asociacións, e organizando actividades de lecer  e de formación que fomenten o uso da lingua.