O municipio do Grove súmase este ano á celebración do Día Mundial do Patrimonio cunha proposta singular: unha ruta guiada titulada O Grove descoñecido.
Impulsada pola Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal); coordinada polo técnico municipal de Medioambiente, investigador e divulgador local Francisco Meis, que será o encargado de guiar este percorrido; e coa colaboración do Concello do Grove.
A iniciativa pretende amosar os vestixios e espazos ocultos que conservan a memoria mariñeira da vila e que "durante os anos 70 e 80 borrouse historicamente o que tardou séculos en facerse", lembra Meis.
"Esas dúas décadas aniquilamos practicamente o patrimonio mariñeiro, non soamente no Grove senón en todas as vilas da costa de Galicia, a arquitectura popular mariñeira practicamente desapareceu", insiste.
A idea de O Grove descoñecido nace da vontade de recoñecer aquilo que aínda sobrevive e redescubrir o que permanece oculto. As marcas que deixou o porto de 1920 ou a arquitectura popular seguen presentes, agardando a seren postas en valor.
Na vista guiada "veremos unha serie de elementos que están aí, pero que non son detectados se non estás un pouco entrenado, e non es capaz de vislumbrar ese Grove descoñecido, ese Grove mariñeiro e secular que persiste a través deses elementos", indica Meis.
A ruta levará ás persoas participantes polas rúas que "vertebraban a historia da vila", como a Rúa Escura ou a chamada Praza de Arriba, espazos que foron centros de actividade mariñeira por séculos.
Durante o percorrido falarase da evolución urbanística e vanse descubrir elementos tan sorprendentes como unha peza relixiosa datada entre 1520 e 1540, atopada recentemente nunha casa en demolición.
"Este será quizais un dos elementos máis importantes da visita", apunta Francisco Meis, que sinala que a persoa que data este achádego é o profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela Julio Vázquez Castro.
Un dos momentos máis agardados da visita será "desvelar, despois de máis de 130 anos, o nome dun arquitecto famoso inédito nos lugares mariñeiros que non vai deixar indiferente a ninguén, nin tampouco ao Colexio de Arquitectos nin ao Consello da Cultura Galega".
Subliña Francisco Meis que este profesional é coñecido polas súas obras en grandes cidades, polo que descubrir que hai máis dun século, "cando ninguén se achegaba ata esta vila", desenvolveu unha obra no Grove é un gran descubrimento porque "nin sequera as institucións o tiñan rexistrado".
Neste sentido, quere recoñecer que a descuberta do nome deste arquitecto é froito das investigacións de Jesús Ángel Sánchez, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago.
A ruta rematará nun dos poucos recunchos que conservan o espírito da antiga vila mariñeira, con casas de "máis de douscentos ou trescentos anos, non se sabe", exemplos vivos dun patrimonio que resiste ao tempo.
Para Francisco Meis, ante o patrimonio, a sociedade non pode quedar indiferente: "Con estas visitas queremos que a xente tome conciencia. Porque o patrimonio é unha parte emocional dunha historia, dunhas xentes, dunhas xeracións que se perden unha tras outra. Entón, borrar isto é aniquilar parte da túa identidade".
Por iso insiste en que "o coñecemento é o primeiro paso para conservar o que somos" nunha vila que nos últimos 50-40 anos perdeu o seu patrimonio mariñeiro. "É importante que a xente do Grove coñeza o pouco que temos, para que o poida conservar e transmitir. Esa é a nosa misión", conclúe.
* A ruta ´O Grove descoñecido´ celebrarase coincidindo co Día Mundial do Patrimonio. As persoas interesadas poderán inscribirse totalmente de balde a través do correo electrónico de Apatrigal (apatrigal@gmail.com).
Dende a asociación insisten na necesidade de apuntarse, xa que, se por mor do mal tempo houbese a necesidade de aprazar a actividade para unha data posterior, o correo electrónico sería o modo de poder avisar desta incidencia.
ACTUALIZACIÓN: Apatrigal confirma que debido á predición meteorolóxica adversa provocada pola tormenta Claudia, o paseo patrimonial polo Grove previsto para este sábado 15 de novembro posponse para o sábado 13 de decembro, mantendo o mesmo horario e programa previstos. Cando se achegue a data, enviarase un recordatorio a todas as persoas inscritas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.