Haberá unha bendición simbólica de Ramos sen público en San Francisco este domingo

Pontevedra
04 de abril 2020

O acto consistirá na bendición dunha obra pictórica que recrea a tradicional celebración de Ramos que elabora o artista pontevedrés Rafael Prieto. Comezará ás 09.15 horas e durará 15 minutos coa intención de realizar unha actividade que ofreza esperanzas aos fieis ante esta situación de pandemia

Obra na que traballa Rafael Prieto para a bendición de Ramos deste 2020 Rafael Prieto

O domingo 5 de abril, celebración de Domingo de Ramos, non haberá miles de anacos de oliveiras e de palmas ondeando na praza da Ferrería. O coronavirus impediu esta celebración multitudinaria. Con todo, a grandes males, grandes remedios. Así o pensou o arcipreste do Lérez e a parroquia da Virxe do Camiño, que organizou un evento sinxelo para esta cita tradicional da Semana Santa.

Na convocatoria, xa alertan de que as familias de Pontevedra non poderán participar no acto debido á actual situación de estado de alarma e confinamento nas vivendas. Pero, desde este colectivo relixioso decidiu manter a tradición da Bendición dos Ramos no mesmo lugar de sempre, a balaustrada do Convento de San Francisco, en dirección ao Paseo de Antonio Odriozola e á praza da Ferrería.

Alí está previsto que ás 09.15 horas deste domingo se instale un lenzo elaborado polo pintor pontevedrés Rafael Prieto, que leva días traballando no proxecto e que se mostra moi feliz por participar nunha iniciativa destas características nun momento tan difícil como o que se está vivindo, cando tamén el conta cun familiar que se atopa nunha situación delicada de saúde.

O lenzo ofrece a imaxe tradicional da palma e tamén da  burrita, ademais dunha lenda coas palabras "Ohsanna, da paixón á resurrección". Prieto indica que esta frase simboliza perfectamente o momento en que se atopa a sociedade, á espera dunha resurrección que chegará "cando terminemos con isto". "É un acto de esperanza para os católicos", engade o ilustrador pontevedrés, que realiza este traballo de maneira desinteresada.

Rafa Prieto só ten palabras de agradecemento para Vicente Domínguez, Vicente Cerdeiriña e Alberto Domínguez, os sacerdotes que decidiron impulsar esta proposta que se desenvolverá cunha bendición da pintura a cargo do vigairo parroquial da Virxe do Camiño, Alberto Domínguez  Munáiz, nun acto que non durará máis dun cuarto de hora e que contará coa colaboración de axentes da Policía Local de Pontevedra para evitar incidencias.

Tamén está previsto que ás 12.00 horas na parroquia da basílica de Santa María, os devotos saquen as palmas e ramos ás fiestras e balcóns porque o párroco realizará a bendición desde a torre. Piden tamén, desde a comunidade relixiosa, que os fieis saquen unha foto para enviala aos catequistas e que así se comparta no blog da parroquia.