Homenaxe no Lérez ao piragüista José Manuel Penas "Keni", falecido no río

Pontevedra
11 de decembro 2022

Familiares, amizades e numerosos palistas realizaron un percorrido polo paseo peonil e tamén en piragüa polo río durante a mañá deste domingo para lembrar a figura do deportista José Manuel Penas Balchada, que falecía accidentalmente cando padexaba polo Lérez durante o 28 de outubro

Homenaxe a José Manuel Penas "Keni" no Lérez Cristina Saiz

A nai de José Manuel Penas Balchada, máis coñecido como "Keni", deixaba un ramo de flores nas proximidades da ponte do Burgo na mañá deste domingo 11 de decembro para lembrar a figura do deportista que o 28 de outubro perdía a vida cando practicaba piragüismo polo río Lérez. 

A este acto acudían, ademais de familiares como a súa nai ou a súa irmá Ana Penas, coñecida piragüista olímpica, outros deportistas e amigos do falecido. A homenaxe consistiu en realizar un percorrido polo Lérez, os viandantes polo paseo de beiramar e os piragüistas realizando un tramo da desembocadura do Lérez.

José Manuel Penas "Keni", de 49 anos de idade e integrante do Club Naval, perdeu a vida cando a súa embarcación envorcou accidentalmente no Lérez mentres adestraba.

Durante varios días diferentes equipos de rescate tentaron localizar o corpo, que finalmente aparecía o 1 de novembro, cando un veciño que camiñaba polo paseo da estrada entre Pontevedra e Marín, á altura de Mollavao, deu a alarma.