Durante os dous próximos meses, unha delegación da illa africana de Príncipe formarase na provincia sobre a elaboración de compost. Trátase dunha iniciativa que dá continuidade ás bases que se estableceron cando o presidente José Cardoso Dos Ramos Cassandra visitase a Deputación de Pontevedra coa intención de coñecer o Plan Revitaliza de compostaxe.
Este martes, a presidenta Carmela Silva; o vicepresidente César Mosquera; o deputado do plan Revitaliza Uxío Benítez; o asesor de tratamento de residuos Carlos Pérez e a técnica María Martínez Abraldes recibirán a responsable política que acompaña ao grupo de técnicos de Illa de Príncipe, a directora rexional de Medio Ambiente e Conservación da Natureza, María José Praceres, que vén acompañada doutras catro persoas que recibirán información práctica e teórica sobre o sistema de compostaxe que leva a cabo na provincia. Este grupo aloxarase na Cidade Infantil Príncipe Felipe.
A intención desta expedición é que se poñan en marcha centros de compostaxe en Illa de Príncipe. Desde a visita do presidente Cassandra a Pontevedra, ambas as institucións mantiveron un contacto continuo. Desde a Deputación Provincial enviáronse materiais para arrincar a actividade da compostaxe na illa e o coordinador da Reserva da Biosfera da Unesco António Abreu visitaba en xaneiro a provincia para estudar a adaptación do plan a esta illa que conta cunha poboación de 8.000 persoas.
Parte dos fondos para levar a cabo o plan proceden dun programa internacional do Goberno francés para o desenvolvemento e sustentabilidade de pequenas illas.