O ilusionismo toma Vilagarcía cun festival de nivel mundial

O Salnés
06 de xaneiro 2026
Actualizado: 16:19

Ilusionistas de España, USA, Alemaña, Arxentina e China actúan o venres na novena gala do Galicia Magic Fest

O ilusionista Pedro Volta Concello de Pontevedra

Despois da visita dos Reis Magos, a maxia continúa en Vilagarcía ata finais de semana co Festival Internacional de Ilusionismo de Galicia, o venres no auditorio, e coa gala e clausura do FexMagia, o sábado no Fexturrón. Dúas excelentes oportunidades para deixarse sorprender cos mellores trucos de prestidixitación, xogos de mans e humor para todo tipo de públicos.

A proposta do Galicia Magic Fest, a do venres no auditorio, reunirá a algúns recoñecidos ilusionistas. Xunto ao galego Pedro Volta (finalista de Got Talent España, artífice deste festival e do especial televisivo "Estrelas Máxicas" para a TVG), actuarán a chinesa-canadense Juliana Chen, a primeira muller da historia en gañar o premio da Federación Internacional de Sociedades Máxicas (FISM) e o estadounidense Stuart MacDonald, o "xenio cómico da maxia" gañador do prestixioso Penn & Teller Fool Us e dúas veces Premio do Público FISM.

Completan o cartel o arxentino Mirko Callaci, un verdadeiro xigante do ilusionismo, campión mundial FISM e cos cobizados premios "Mandrake d'Or" de París e o "León de Oro" de Siegfried & Roy no seu haber, e o alemán Julius Frack campión mundial FISM, un dos magos máis innovadores de Europa e coñecido polas súas espectaculares e monumentais postas en escena que combinan teatro e grandes efectos visuais.

O evento, organizado pola compañía Ilusions Works S.L., comeza ás 20:30 horas e promete 70 minutos de espectaculares números que deixarán abraiado ao público. As entradas están á venta ao prezo de 22, 18 e 15 euros (máis custes de xestión) e, de non esgotarse antes, tamén se poderán adquirir na billeteira do Auditorio a partir das 18:30 horas.

E para os que desexen continuar gozando da maxia, o Fexturrón celebra o sábado, a partir das 18:30 horas, a gala de clausura do FexMagia. Con entrada de balde, os asistentes poderán gozar dun espectáculo no que intervirán o tomiñés Samuel Moreno (finalista de Got Talent 2018), o vigués Iago Saavedra (un dos magos máis prometedores de Galicia e experto en trucos de cerca) e o lucense Roberto Lolo (que ademais de maxia saca sorrisos da súa chistera). Son os mesmos que nas últimas semanas fixeron as delicias dos asistentes ao parque de atraccións de Nadal organizado polo Concello coas súas actuacións e obradoiros de maxia, e que se xuntan neste espectáculo final para despedir o Nadal en Vilagarcía.

Malia todo, o Fexturrón aínda continuará aberto o domingo 11 de xaneiro, cando pechará as súas portas tras case mes e medio de divertimento dentro do programa Nadalízate, organizado polo Concello de Vilagarcía.