Os veciños da parroquia de Laxoso, en Ponte Caldelas, están a impulsar a creación dunha plataforma de afectados pola estrada PO-234, que une Ponte Caldelas Laxoso e Augasantas. Acusan á Xunta de Galicia de negarse a executar o proxecto de mellora, que conta cun orzamento de dous millons de euros.
Os afectados convidan ao Concello de Ponte Caldelas a formar parte da plataforma co fin de aunar esforzos na "defensa dos intereses dos veciños e usuarios do vial" e convocaron unha asemblea veciñal o vindeiro xoves ás 20.30 horas na Casa do Pobo de Laxoso.
Os veciños queren que a reforma do vial se realice na súa totalidade, como figura no proxecto, "e non en fases como agora propón a administración autonómica". "Despois de agardar tantos anos non queremos que haxa máis demoras facendo a obra a plazos, tarde, mal e nunca", sosteñen.
A plataforma está integrada por veciños de Laxoso e outros colectivos veciñais do municipio que consideran, segundo recolle o Concello de Ponte Caldelas nun comunicado, "que a actitude da Xunta non é a máis correcta" e queren que se execute a obra canto antes e na súa totalidade.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, manifestou que a intención do Concello é escoitar a tódalas partes e "sobre todo aos veciños coa intención de analizar en profundidade todos os puntos de vista e tentar atopar unha solución satisfactoria". Na súa opinión "o que non é de recibo é que unha obra cun orzamento bastante moderado como o que estamos afeitos a ver e que daría resposta a un grave problema de seguridade viaria que ameaza constantemente a vida dos usuarios desta estrada se siga dilatando no tempo".
Andrés Díaz anuncia que acudirá á asemblea veciñal do xoves.