Unhas cinco hectáreas. É o terreo que, segundo as estimacións de Medio Rural, arrasou o incendio forestal que se declarou este domingo nos montes da Moreira, en Marín.
O lume foi detectado ao redor das tres e media da tarde e estaba preto dunha zona de vivendas.
Fontes oficiais sinalaron que non existiu perigo para estas casas, situadas na parte baixa do monte, xa que o incendio se foi estendendo cara arriba.
Desde o Concello de Marín informaron que traballaron na zona dous helicópteros, dúas avionetas e un hidroavión, medios aéreos que se complementan co traballo en terra.
Sobre o terreo loitou para controlar o lume un amplo dispositivo de brigadistas.
Así, Medio Rural mobilizou até a zona un técnico, catro axentes forestais, dez brigadas, seis motobombas e unha pa para tratar de frear o avance do lume.
A calor e o vento que estivo a soprar esta tarde tampouco axudaron a estas tarefas de extinción.
O fume provocado polo incendio, que se pudo divisar desde varios puntos da ría, xerou bastante alarma na comarca, especialmente entre os veciños de Marín.