"Indignación" por un novo impacto dos proxectos eólicos no Monte Acibal, a desaparición da Pisada do Mouro

Umia
13 de xullo 2023

O colectivo Amil Sen Eólicos explica que se trata dun importante elemento etnográfico e patrimonial con forma de pisada que presentaba gravados de manufactura humana nos catro puntos cardinais. Xa fora previamente danado e desprazado da súa situación orixinal durante as obras e atopábase balizado e sinalizado

Diferentes elementos patrimoniais destruídos nas obras do monte Acibal
Diferentes elementos patrimoniais destruídos nas obras do monte Acibal / Amil Sen Eólicos

O colectivo Amil Sen Eólicos continúa a denunciar danos no Monte Acibal, en Moraña, polos proxectos eólicos en marcha. Nesta ocasión, expresa a súa "indignación" pola desaparición da Pisada do Mouro, un importante elemento etnográfico e patrimonial con forma de pisada que presentaba gravados de manufactura humana nos catro puntos cardinais. 

A Pisada do Mouro ou 'Pé do Mouro' xa fora previamente danado e desprazado da súa situación orixinal durante as obras de construción do polígono Eólico Acibal e atopábase balizado e sinalizado.

Os veciños, que seguen vixiantes ante os posibles danos ao patrimonio, detectaron hai dúas semanas a falta desta pedra e doutros dous elementos patrimoniais: un gravado dun cérvido e outra pedra con coviñas. 

Procederon a denuncialo no Seprona da Garda Civil, que contactou con Patrimonio e coa empresa construtora. A firma recoñeceu que estes elementos foran movidos do monte a unhas casetas de obra para "evitar o malestar dos veciños".

Patrimonio non considera que o Pé do Mouro sexa un elemento etnográfico, sinalando que para que así o fose, faría falta o estudo dun historiador. Tamén admite que descoñecía que tivese gravados de manufactura humana, como demostran as fotogrametrías achegadas polos veciños e que, supostamente, tamén realizara o arqueólogo de obra. 

O colectivo veciñal pregúntanse se é tamén a responsabilidade dos propios cidadáns contratar un historiador para facer valer todas as lendas sobre o Coto do Mouro, no que se atopaba esta Pisada do Mouro. "Esta é unha situación máis que se suma á patente falta de estudo e prospección da zona, e que sempre ten o mesmo desenlace: a perda de elementos patrimoniais", denuncian

Ademais, lembran que grazas aos seus descubrimentos e comunicacións ás autoridades patrimoniais confirmouse neste monte a maior concentración de petroglifos de "Tetrasqueis" do mundo.

Solicitan unha vez máis unha prospección axeitada na zona, temendo que moitos destes símbolos xa fosen destruídos, e onde un gravado compatible con estes Tetrasqueis está a piques de ser dinamitado