A xustiza suspende de xeito cautelar as obras do parque eólico de Monte Acibal

Barro
24 de outubro 2023

As obras de construción do parque eólico de Monte Acibal deberán ser paralizadas. Así o ditaminou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que ordenou a suspensión cautelar destes traballos a pedimento da asociación Ecoloxistas en Acción

Camións no Monte Acibal nas obras do parque eólico
Camións no Monte Acibal nas obras do parque eólico / Amil Sen Eólicos

As obras de construción do parque eólico de Monte Acibal deberán ser paralizadas. Así o ditaminou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que ordenou a suspensión cautelar destes traballos a pedimento da asociación Ecoloxistas en Acción.

O tribunal suspende así a execución da resolución da Xunta que lle outorgou á empresa Norvento a autorización administrativa previa e a de construción das instalacións, á vez que declarou a súa utilidade pública e a súa compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais.

As actuacións previstas neste parque, situado entre Barro, Campo Lameiro e Moraña, afectan a hábitats de interese comunitario, a especies catalogadas e diversos petróglifos, polo que o TSXG paraliza as obras ata analizar os recursos presentados.

Os maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo sosteñen que, aínda que xa se executou o vial de acceso e o principal, así como os ramais de acceso a dous aeroxeradores e algunhas plataformas, "non está acreditada a finalización de todas as obras".

Estes traballos, segundo o cronograma, deberían estar terminados en novembro, polo que o tribunal entende que "aínda se poden producir afectacións ao medio ambiente e ao patrimonio que poderían ser irreparables", sen esquecer as que xere a posta en funcionamento do parque.

Con esta decisión, o TSXG quere asegurar que a futura sentenza que determine a afectación deste proxecto sobre o territorio ou o grao de protección, corrección ou compensación que se poida rexistrar "póidase levar á práctica de modo útil".

Ademais, o alto tribunal galego subliña que esta suspensión ampárase no feito de que a resolución que autorizou a execución do parque eólico é "análoga" á que deu lugar á autorización dun parque anulado por sentenzas do TSXG, emitidas en xaneiro de 2022.

Entre outras cuestións, a resolución xudicial tamén advirte que, aínda que se deben ponderar todos os intereses que se contrapoñen nesta cuestión, prevalecen os que defenden a asociación ecoloxista e os veciños afectados polas expropiacións para executar o parque.

Así, a "mera posibilidade" de que se produza un dano "irreparable ou de moi difícil ou incerta reparación" sobre zonas protexidas, argumenta o tribunal, sostén a suspensión da execución da actividade que pode producir ese risco.

"É prevalecente o interese xeral en manter indemnes eses espazos públicos sobre o particular que ten a promotora do parque eólico Acibal en executar de forma inmediata o proxecto autorizado, por moi lexítimo que sexa o seu dereito", engade o TSXG.

O tribunal advirte, con todo, advirte que iso "non significa, de ningún xeito, que se aplique a suspensión de forma automática", como proba que se denegou noutros casos.

O auto, que non é firme, pois contra el cabe presentar recurso de reposición, está asinado por cinco maxistrados e conta cun voto particular dunha das maxistradas, quen entende que "non procedía o outorgamento da medida, senón a suspensión da decisión mentres non se ditase resolución no incidente de inadmisión".