Inician a retirada de cinco dos oito semáforos que hai en Beiramar

Pontevedra
10 de setembro 2015

Trátase dunha intervención, xa anunciada no seu día polo concelleiro Luis Bará, pretende facilitar o tránsito peonil, dado que todos os puntos nos que se retiran semáforos xa existen pasos de peóns elevados

Semáforos diante da Praza de Abastos de Pontevedra PontevedraViva

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana os traballos de retirada de varios semáforos de peóns da zona de Beiramar, entre a Ponte de Santiago e o Gremio dos Mareantes.

Trátase dunha intervención, xa anunciada no seu día polo concelleiro Luis Bará, pretende facilitar o tránsito peonil, dado que todos os puntos nos que se retiran semáforos xa existen pasos de peóns elevados.

Durante toda a semana traballarase en distintos puntos tanto da avenida do Uruguai como das Corbaceiras. Na actualidade en todo este ámbito hai oito semáforos e vanse retirar cinco. 

En concreto, estanse a sacar os semáforos situados na traseira do Mercado de Abastos, fronte ao xacemento arqueolóxico de Valentín García Escudero, dous dos situados entre a Ponte das Correntes e a Ponte da Barca e un na avenida das Corbaceiras, o primeiro pasada a Ponte da Barca.