Inician os trámites para construír un novo campo de fútbol en Salcedo

Pontevedra
18 de febreiro 2016

Situaríase "non núcleo de centralidade da parroquia, xunto ao colexio e o pavillón", sinalou o concelleiro Demetrio Gómez. O Concello tentará adquirir unha parcela de 14.500 metros cadrados que actualmente pertence a 26 propietarios, estando xa a maioría de acordo tras as xestións previas da SCD Salcedo. Se se cumpren as previsións, a construción do campo iniciaríase en 2017

Campo de fútbol do Casal, en Salcedo
Campo de fútbol do Casal, en Salcedo / www.camposgallegos.es

O Concello de Pontevedra iniciou os trámites para tentar construír un novo campo de fútbol en Salcedo ao aceptar como boa a proposta na que traballaba desde hai varios meses o club deportivo da parroquia, a Sociedade Cultural Deportiva Salcedo.

A intención pasa por adquirir unha parcela de 14.500 metros cadrados "no núcleo de centralidade da parroquia, xunto ao colexio e o pavillón" de Cabanas, explicou o concelleiro Demetrio Gómez Junquera.

"Salcedo é un caso especial, é unha parroquia moi poboada, está moi ben comunicada e ese campo de fútbol vai permitirnos dar servizo non só aos veciños da parroquia", sinalou o edil antes de detallar a complexidade do proxecto.

Os terreos nos que se situaría este novo campo de fútbol, de céspede artificial, pertencen actualmente a 26 propietarios privados, dos cales dous non quererían vender aínda que "como son extremeiras moi pequenas poderiamos prescindir delas".

Para poder facer efectiva a compra e impulsar o proxecto, o goberno local pon dúas condicións, un informe arqueolóxico favorable tras unha escavación que financiará o propio Concello, e que "todos os propietarios estean dacordo en vender".

Gómez Junquera estima que a compra destes 14.500 metros cadrados de terreo "roldaría os 180.000 euros", coa intención de poder realizar a operación antes de que finalice o ano. Se isto sucede, poderíase elaborar o proxecto construtivo e as obras poderían comezar durante 2017.

O próximo paso do Concello, segundo explicou o edil, será pedir permiso aos propietarios, moitos deles presentes no Concello Parroquial no que se discutiu a proposta, para realizar a escavación arqueolóxica que descarte restos de "gravados ou petróglifos" e para medir con exactitude as parcelas afectadas.

A construción dun novo campo de fútbol en Salcedo é unha vella reivindicación dos veciños da parroquia, co club deportivo á cabeza, ante o mal estado e os problemas urbanísticos da instalación do Casal, e enmárcase dentro dos plans do Goberno Local para crear unha rede municipal de campos de herba sintética no rural pontevedrés.