En empanada, en escabeche, guisados ou á mariñeira. Todas as elaboracións son ben recibidas para degustar os produtos das rías galegas que Vilaboa está a servir esta fin de semana na súa Festa do Mar.
Son todas elas tapas a prezos populares: de mexillón a 3,5 euros; os chocos a 5 euros e a 6 euros está a ameixa, que tamén se servirán durante o mediodía deste domingo.
Este ano, como novidade, hai unha caseta doce para completar o menú, a cargo de panadería pastelería Os Laranxos: e un posto con bebida e café de pota.
Ademais, xunto aos produtos do mar, ofrécense os viños da IXP Ribeiras do Morrazo das adegas Os Areeiros, Ardán e Mosteiro de Poio.
No marco desta festa, celebrouse este sábado a cata impulsada pola organización para premiar os mellores pratos que se están a servir ao público.
O xurado estivo composto pola patroa maior da confraría de Vilaboa, Maricarmen Cortegoso Gómez e polas bateeiras locais Mari González Piñeiro e María José Castro Gómez. A elas sumouse o alcalde, César Poza, como secretario.
Na categoría de mellor sabor gañou a empanada de mexillón con chourizo do restaurante A casa de Rosa de Mazaroca, que tamén concursou con choco guisado con patacas e ameixa con fabas, que logrou tamén o premio á mellor presentación.
O premio á innovación foi para as ameixas con fideo negro e algas do restaurante A Garboa, que elaborou tamén choco con allada e base de pataca e mexillón con base de garavanzo e alga.
A Festa do Mar incluíu este sábado tamén unha variada programa musical, que correu a cargo de Caamaño & Ameixeiras e de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.