O grupo municipal do PSdeG-PSOE e Avante instarán á Xunta de Galicia a que transfira as competencias do polígono de Fragamoreira ao Concello de Poio. Será mediante unha moción conxunta que exporán no Pleno ordinario do martes 28 de marzo.
Esta iniciativa política pretende que "sexa a Administración do Estado a que poida realizar as xestións pertinentes para acabar co bloqueo do desenvolvemento do parque industrial".
Na moción tamén se solicita á Xunta que acometa a limpeza das parcelas da súa titularidade "algo que xa lle foi requirido desde o Concello en varias ocasións".
O PSdeG-PSOE e Avante Poio aseguran que o polígono de Fragamoreira é un proxecto "primordial e indispensable para dar resposta ás necesidades empresariais existentes en Poio", ao carecer o concello dunha área específica para o desenvolvemento do sector, a diferencia do que sucede noutros municipios limítrofes.
Según engaden, unha solución "viable" para retomar o proxecto e poñelo en marcha sería adoptar "unha fórmula similar á que seguimos para desbloquear a depuración de augas no Norte da Ría de Pontevedra", onde o Ministerio de Transición Ecolóxica chegou a un acordo con Poio, Sanxenxo e ACUAES para ampliar a EDAR de Paxariñas, proxecto que se atopa en proceso de licitación.