Zona Franca ofrece un estudio técnico para impulsar a creación do polígono empresarial de Fragamoreira

Poio
03 de abril 2023

David Regades, delegado de Zona Franca de Vigo, mantivo un encontro con Gregorio Agís, concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, mantiveron un encontro para poñer en marcha esta infraestrutura realizando unha petición a Xestur de cesión dos terreos ao Concello para que sexa Zona Franca quen os desenvolva empresarialmente

David Regades, delegado de Zona Franca; Gregorio Agís e Julio Casás, concelleiros de Poio
David Regades, delegado de Zona Franca; Gregorio Agís e Julio Casás, concelleiros de Poio / Concello de Poio

David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, e Gregorio Agís, concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo de Poio, mantiveron un encontro este luns 3 de abril coa intención de poñer en marcha o polígono empresarial de Fragamoreira.

O organismo estatal ofrece os servizos técnicos do Consorcio ao dispor do Concello de Poio para realizar un estudo que indique a viabilidade desta zona para a implantación de empresas. A intención é realizar investimentos ben planificados para crear un espazo industrial ben ordenado, equipado coas dotacións necesarias e perfectamente comunicado.

Gregorio Agís explicou que Fragamoreira conta con todas as condicións para ser un polígono industrial de primeiro nivel e entende que se acadan a transferencia de solo e do proxecto, coa axuda de Zona Franca vai desenvolverse o parque empresarial en tempo récord ao estar realizado todo o traballo relacionado coa urbanización, sectorización e tramitación.

Sinala que tras solicitar durante os últimos anos en varias ocasións o desenvolvemento do polígono a Xestur e mesmo o cambio de titularidade permanecen sen resposta por parte do organismo da Xunta de Galicia.

Neste mes de abril vai levarse a pleno unha moción do PSOE e de Avante Poio para solicitar a Xestur que se transfira o proxecto e os terreos ao Concello, coa intención de que se poida impulsar todo o proxecto "a través do Estado", unha fórmula similar á utilizada na tramitación da construción da nova EDAR de Paxariñas.