Interceptan unha furtiva de Pontevedra na praia da Pinela recollendo ameixas en tempada de veda por toxina

Poio
01 de maio 2023

Axentes da Policía Local de Poio e vixiantes Gardapescas da Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra interviron preto de dous quilos de ameixa xapóníca, a maioría de tamaño antirregulamentario. Tramitouse unha denuncia e os axentes trasladaron a información á Consellería de Medio Ambiente

Un axente da Policía Local e un gardapesca pesan a ameixa xapónica que estaba a recoller a furtiva na Pinela Policía Local de Poio

Axentes da Policía Local de Poio e vixiantes Gardapescas da Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra lograban realizar unha incautación de preto de dous quilos do ameixa japónica.

Ás 21.00 horas do domingo 30 de abril, os axentes detectaron unha veciña de Pontevedra que se atopaba na praia da Pinela na parroquia de San Xoán de Poio extraendo molusco de forma ilegal.

A maioría da ameixa intervida presenta un tamaño antirregulamentario, segundo indica a Policía Local de Poio. Ademais, esta captura estaba a realizarse nun momento en que o banco marisqueiro se atopa pechado debido á veda por toxina.

Desde a Policía Local sinalan o risco que se corre por inxerir este molusco ao existir opcións de que se atope contaminado e, por tanto, a súa venda resulta prexudicial para a saúde pública.

Os axentes tramitaron a denuncia correspondente por furtivismo e comunicaron o suceso á Consellería de Medio Ambiente.