Jacobo Moreira, único candidato á presidencia do Partido Popular de Pontevedra

Pontevedra
09 de xullo 2014

Este mércores pechouse o prazo de presentación de avais. O voceiro do grupo municipal entregou 323 sinaturas que o habilitan como candidato ao congreso local do PP. Nos vindeiros días fará pública a lista da súa candidatura para constituír a executiva dos populares

Jacobo Moreira presentando os avais para optar á presidencia local do partido Mónica Patxot

Este mércores pechouse o prazo de presentación dos avais necesarios para presentarse á presidencia do Partido Popular de Pontevedra no congreso local que terá lugar o vindeiro sábado.

Rematado o prazo as 15:00 horas. Jacobo Moreira foi o único en presentar a súa candidatura. O actual voceiro do grupo municipal entregou 323 sinaturas, moi por enriba do límite de 99 que necesitaba para concorrer á cita congresual. Trátase dunha porcentaxe importante do censo de afiliados do partido na cidade, de algo máis de 2.000, sobre todo tendo en conta que só aproximadamente unha cuarta parte está ao día no pago das cotas e ten polo tanto dereito a exercer o seu voto.

Moreira fará pública nos vindeiros días a lista completa da súa candidatura para renovar a executiva local do partido, da que xa se deu a coñecer algúns nomes, como os da avogada María José Rois Méndez, o director médico do Grupo Hospitales Miguel Domínguez e especialista-xefe en Medicina Interna Rafael Domínguez Artime, ou o funcionario de Instituciones Penitenciarias José Luis Martín González. Haberá tamén representantes específicos da maioría das parroquias e áreas urbanas do municipio, e algunhas persoas con experiencia no Concello.

O congreso local celebrarase o vindeiro sábado, 12 de xullo, a partir das 10.00 horas no hotel Galicia Palace de Pontevedra.

Durante o evento, Moreira explicará as súas liñas de actuación, algunhas das cales xa anunciou días atrás. O candidato incluíu entre as súas propostas a participación activa de afiliados e simpatizantes do PP mediante a recuperación das xuntas parroquiais, a creación dunha oficina do cidadán para xestionar denuncias públicas, unha comisión de estudos e programas aberta a todos os militantes, a figura do valedor do afiliado, ou un consello asesor formado por ex concelleiros e militantes con experiencia como cargos de responsabilidade pública.

Así mesmo, Jacobo Moreira quere crear unha vicesecretaría de relacións con asociacións veciñais e un comité de estratexia, acción política e redes sociais.