José María O´Kean, catedrático de Economía, aconsella aos emprendedores apostar pola dixitalización

Pontevedra
14 de abril 2020

O divulgador económico sevillano participou na 'Webinar' da Deputación e recomendou ás empresas apostar polo comercio e o márketing en liña "nun mercado dominado por uns consumidores que non só buscan produtos, senón tamén sensacións"

Seguimento na Deputación da conferencia do catedrático de Economía, José María O´Kean
Seguimento na Deputación da conferencia do catedrático de Economía, José María O´Kean / Deputación de Pontevedra

José María O'Kean, catedrático de Economía, abría este martes as sesións 'Webinar', seminarios  online, que promove a  Deputación de Pontevedra dentro do programa Smartpeme coa intención de reactivar o emprendemento na provincia cando finalice o actual estado de alarma.

A exposición do divulgador sevillano levaba por título 'Covid-19. A crise inesperada. Implicacións económicas e expectativas de saída' e ao longo da súa explicación sinalou que é necesario reinventar negocios e empresas para penetrarse no comercio electrónico. Nesta liña, destacou que o consumidor busca sensacións e é preciso apostar pola cooperación e non só pola competencia fronte a grandes empresas mundiais.

200 persoas emprendedoras participaron nesta intervención que se iniciou cunhas palabras de Carmela Silva, presidenta provincial, que estivo acompañada polo deputado Gregorio  Agís. A máxima mandataria da Deputación afirmou que é necesario reorientar o sistema produtivo para cando se renove a actividade económica e realizou un chamamento para o optimismo.

Pola súa banda, O'Kean mantivo que a situación económica dependerá das decisións que adopte a Unión Europea pero vaticina unha  desafección social pola globalización, que xa se intuía antes da pandemia.

En todo caso, animou aos asistentes á sesión web a emprender o camiño da dixitalización nun mundo hiperindividualista, no que o consumo se fai cada vez máis desde a casa. Recomendou aproveitar as oportunidades de financiamento barato para investir en loxística rápida, ademais de captar aos consumidores de maneira activa e ser flexibles nas estratexias de venda.