Juan Carlos I, sen regata polo mal tempo: "Non era conveniente que saíra"

Sanxenxo
22 de abril 2023

Regresara a Sanxenxo para competir nunha regata de vela pero, polo menos por agora, non foi posible. O rei emérito quedou coas ganas de poñerse aos mandos do Bribón na Volvo Autesa Cup que se disputa na ría de Pontevedra

O rei emérito, no coche de Pedro Campos EFE / Lavandeira Jr.

Regresara a Sanxenxo para competir nunha regata de vela pero, polo menos por agora, non foi posible. O rei emérito quedou coas ganas de poñerse aos mandos do Bribón na Volvo Autesa Cup que se disputa na ría de Pontevedra.

As malas condicións climatolóxicas desaconsellaron que subise ao barco. "Non era conveniente que saíra", apuntan desde o Real Club Náutico de Sanxenxo, debido ao forte vento e a que o tempo "ía ir a peor". A idade do monarca tamén xogou en contra.

Tentouno, iso si, ata o último momento. Juan Carlos I chegou ao porto deportivo que leva o seu nome sobre as once e cuarto da mañá. Fíxoo, como os días anteriores, no interior do coche de Pedro Campos. Dentro do vehículo permaneceu durante unha hora.

Mentres tanto a tripulación do Bribón esforzábase en poñer a punto a embarcación que, finalmente, saíu do porto sen o monarca ás 12:30 horas.

Tras verse obrigado a renunciar á xornada de navegación, o rei emérito regresou a casa do seu íntimo amigo, sen saudar á prensa nin ás decenas de persoas que se apiñaban no espigón do porto para ver a saída das embarcacións participantes na regata.

Fontes próximas ao monarca suxiren que Juan Carlos I tentará saír ao mar na xornada do domingo, pero ninguén da súa contorna quere confirmar cales serán os seus movementos, en consonancia co segredo que, nesta ocasión, rodea a toda a súa estancia en Sanxenxo.