Un estudo "completo" sobre as necesidades de Pontevedra en materia de residuos urbanos e limpeza tanto viaria como das dependencias municipais. De aí partirá o traballo que realizará, durante o próximos seis meses, a empresa Lagares Oca. Será a encargada de "guiar" o proceso que desembocará na licitación dun novo contrato para este servizo.
Lagares Oca, que tamén elaborou os pregos do contrato da auga, foi a compañía que presentou unha mellor oferta para encargarse desta asistencia técnica, segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.
Recibirá 66.550 euros por encargarse desta "exhaustiva" análise, redactar os pregos técnicos e administrativos do novo contrato e "asesorar" aos servizos técnicos municipais durante toda a tramitación.
Raimundo González explicou que se trata dun contrato "moi complexo" e que, segundo a nova lexislación, deberá ser fraccionado e licitado "en lotes".
O estudo incluirá cinco prestacións: a recollida de sólidos urbanos -onde tamén irá incluído a compostaxe-, a limpeza viaria, a limpeza de colexios, a limpeza de dependencias municipais e o servizo de desinfección e desratización.
O primeiro que se abordará, segundo o edil do BNG, será a limpeza de todas as dependencias municipais, incluídas as instalacións deportivas. Lagares Oca redactará os pregos para que, nun prazo de "dous ou tres meses", poida licitarse este contrato.
González explicou que a situación "óptima" sería que, posteriormente, se licitara un segundo lote coa limpeza dos colexios e que, por último, unha única empresa se encargue da recollida de sólidos urbanos, a limpeza viaria e a desinfección e desratización.
O Concello confía en que o estudo de Lagares Oca "acelere" o proceso de implantación do sistema de compostaxe individual e comunitaria, así como a futura planta de tratamento. A compañía, a este respecto, definirá o "circuíto" que seguirán os residuos orgánicos e as características das instalacións da Canicouva.
Tamén supervisará o despregamento de composteiros individuais no rural, a creación de illas de reciclaxe nas parroquias e a necesidade de novos contedores en todo o municipio. Así, Raimundo González avanzou que, para cumprir coas normativas da UE, haberá que instalar contedores de cor marrón para depositar os residuos orgánicos.
Unha vez Lagares Oca entregase este estudo, comezará o proceso de licitación do novo contrato. Unha vez se reciban as ofertas, a empresa terá catro meses máis para analizar as propostas para que serán estudadas pola mesa de contratación.
Todo este trámite obrigará a prorrogar o actual contrato de Ferrovial Servicios que, "como mínimo", seguirá encargándose da recollida de lixos e da limpeza viaria de Pontevedra durante un ano máis.