Encontro en Santiago de Compostela entre o alcalde da Lama, David Carrera, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
O obxectivo da reunión era analizar os investimentos do goberno autonómico no termo municipal.
No centro das peticións do goberno local da Lama estaba a estrada PO-225 que une Gaxate e Verducido con Forzáns, en Ponte Caldelas.
Foi a principal petición do rexedor, cuxo interese é que a Xunta constrúa unha senda peonil que ofreza unha maior seguridade viaria e continuidade a este núcleo rural.
Ademais David Carrera pediu a María Martínez Allegue unha actuación para canalizar e resolver definitivamente os problemas que ocasiona nese tramo a presenza de augas pluviais.
O alcalde puxo tamén sobre a mesa a necesidade de acometer unha intervención de mellora na estrada PO-241 ao seu paso pola parroquia de Antas, favorecendo a seguridade viaria e a convivencia entre peóns e tráfico rodado.
Segundo o goberno local a conselleira tomou nota das peticións afiormando que pasarían aos técnicos da administración autonómica co fin de facer unha valoración tanto económica como técnica da súa viabilidade.
Finalmente Carrera informou a conselleira da posta ao dispor das familias beneficiarias das antigas casas dos mestres tras a súa rehabilitación, acometida co financiamento dunha liña de axudas autonómica.