As aulas, corredores, zonas de acceso e de xogo dos centros educativos de Campo Lameiro foron obxecto na mañá deste martes 1 de setembro dun profundo operativo de limpeza e desinfección ante a inminente reincorporación dos nenos do municipio á actividade lectiva.
As tarefas realizáronse no colexio Pedro Antonio Cerviño e na escola infantil A Galiña Azul como medida preventiva e, para realizalas, o Concello de Campo Lameiro indica que "non escatimou esforzos" e destinou o máximo número posible de medios materiais e humanos.
O obxectivo municipal é cumprir escrupulosamente co protocolo deseñado polas autoridades sanitarias e educativas para o reencontro dos máis pequenos do municipio cos seus centros educativos.
O alcalde, Carlos Costa, sinalou que o benestar de nenos e familias é unha prioridade para este goberno municipal e foi por iso que empregaron todos os recursos dos que dispoñen, incluído o tractor e a máquina de sulfatar, para estas tarefas.
Responsables municipais coordinaron o operativo cos responsables do centro educativo coa intención de atender todas as demandas que puideran existir en materia de desinfección e limpeza. Os operarios do servizo de limpeza puxéronse a disposición da dirección do centro para obter unha maior eficacia no procedemento de desinfección que se levou a cabo.