Lores avoga por superar o "medo ao cambio" para avanzar cara cidades sostibles

Pontevedra
01 de outubro 2021

Pontevedra estivo presente na xornada O futuro das cidades que se celebrou este xoves en Logroño. Desde alí, o alcalde reivindicou que a sociedade debe superar o "medo ao cambio" para avanzar no deseño de cidades sostibles

Participación do alcalde de Pontevedra na xornada "O futuro das cidades" en Logroño
Participación do alcalde de Pontevedra na xornada "O futuro das cidades" en Logroño / Concello de Pontevedra

Pontevedra estivo presente na xornada O futuro das cidades que se celebrou este xoves en Logroño. Desde alí, o alcalde reivindicou que a sociedade debe superar o "medo ao cambio" para avanzar no deseño de cidades sostibles.

Durante a súa intervención neste foro de debate, organizado polo Goberno de España, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea, Fernández Lores reiterou que nas cidades "o que ten que haber son os coches imprescindibles" para que estas funcionen.

En Pontevedra, explicou o alcalde, conseguiuse "gañar o espazo público para os cidadáns" á conta de quitalo aos vehículos privados con medidas como a zona 30 ou o deseño de rúas con plataforma única. 

Isto permitiu configurar unha urbe "sostible, máis atractiva e agradable", aínda que defendeu que cada cidade "debe buscar o seu propio modelo" de desenvolvemento urbano sostible.

Os cambios e peonalizacións, engadiu o rexedor pontevedrés, "sempre" xeran certo rexeitamento porque "nunca se logra un consenso total", aínda que insistiu en que despois os veciños "apoian nas urnas que sigas mellorando a súa calidade de vida".

Fóra da intervención oficial do alcalde, a Boa Vila foi un exemplo constante ao longo do resto de palestras, como modelo a seguir e mesmo emular.

O interese pola cidade cristalizou en conversas informais ao longo de todo o día, mantendo Miguel Anxo Fernández Lores encontros co alcalde de Granada, Francisco Cuenca; a alcaldesa de Toledo, Milagros Tolón; o Presidente da Fundación Ecología Urbana y Territorial, Salvador Rueda; ou o alcalde da cidade anfitrioa, Pablo Hermoso.