Lores defende o traballo "serio" do Concello en vivenda e afirma que Domínguez "non se entera"

Pontevedra
25 de setembro 2025

O Concello, segundo o alcalde, "seguirá traballando na liña na que estamos traballando", dando prioridade nos servizos de urbanismo a proxectos que manexan "cantidades importantes" de vivendas

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Concello de Pontevedra

Para o alcalde, "é perceptible por todo o mundo" que en Pontevedra se está reactivando a construción de vivendas, tanto de promoción privada como pública. É unha mostra do traballo "serio" que o goberno municipal está a realizar nesta materia.

Así respondeu Miguel Anxo Fernández Lores ás críticas do portavoz do PP, Rafa Domínguez, que este mércores denunciaba que o Concello non está a facer "absolutamente nada" ante a grave situación do acceso á vivenda na cidade.

"É non enterarse de nada, ou non querer enterarse, ou non molestarse", sostivo Fernández Lores, que sinalou que se están construíndo todas as vivendas posibles que permite o plan e o Concello entregou á Xunta varias parcelas para promocións públicas.

Ante a reiterada petición dos populares para que se tramite un novo PXOM, o alcalde lembrou que a Xunta pretendía recortar a edificabilidade en Pontevedra.

Alegaba entón o goberno galego que "non había previsión de crecemento suficiente", o que segundo os cálculos municipais limitaba a unhas 10.000 as novas vivendas.

Isto significaba, afirmou Fernández Lores, reducir a capacidade de construción de vivenda "tanto no rural como no urbano, pero especialmente no rural", polo que reiterou que aprobar este novo plan de ordenación sería "negativo" para os intereses de Pontevedra.

A longo prazo, segundo engadiu, iso provocaría que "se encarecería máis o prezo do solo e, polo tanto, da vivenda, que xa está moi disparado".

Debido a esta situación, o rexedor pontevedrés avanzou que o Concello "seguirá traballando na liña na que estamos traballando", dando prioridade nos servizos de urbanismo, entre outras cuestións, a proxectos que manexan "cantidades importantes" de vivendas.

Co plan actual, reiterou o alcalde, Pontevedra ten terreos para edificar e unidades de actuación "perfectamente catalogados", incluídos nos núcleos do rural, aínda que advertiu que "se quero facer unha casa no medio do monte pois aí vai a ser que non".