Lores dará plantón á Deputación no acto polos seus tres anos de goberno: "Nós non temos nada que celebrar"

Pontevedra
13 de xullo 2026
Actualizado: 13:15

Pontevedra, segundo os cálculos realizados polo Concello, é o municipio que, proporcionalmente, menos diñeiro recibe da Deputación. "É xa un problema de dignidade", sostivo Lores

Luis López e Miguel Anxo Fernández Lores asinando dous convenios Deputación de Pontevedra - Rafa Estévez

O choque institucional entre o goberno municipal de Pontevedra e o executivo provincial agrávase. O alcalde, Miguel Anxo Fernández, non acudirá mañá martes ao acto no que a Deputación celebrará os seu tres anos de mandato.

"Nós non temos nada que celebrar", sostivo Fernández Lores, que explicou que, a pesar de mostrar sempre a súa "máxima colaboración" co goberno de Luís López, o Concello está cansado da súa "actitude discriminatoria" con Pontevedra.

O rexedor pontevedrés denunciou que a Deputación cambiou o "estatus" da capital da provincia "e non nos está tratando de forma equitativa".

Pontevedra, segundo os cálculos realizados polo goberno municipal, é o municipio que, proporcionalmente, menos diñeiro recibe das arcas provinciais

Apuntou que esta cuestión foi trasladada "reiteradamente" ao presidente da Deputación e, lamentou o alcalde de Pontevedra, "non cambian a súa actitude".

"Non estamos pedindo ningún estatus especial", reiterou Miguel Anxo Fernández Lores polo feito de ser capital de provincia, pero advertiu que tampouco aceptarán esta "falta de equidade" con Pontevedra por parte do executivo provincial.

Fernández Lores defendeu que o Concello sempre colaborou coa Deputación "gobernara quen gobernara", nos últimos anos coa Bienal de Arte, o traspaso de Santa Clara ou a cesión de espazos públicos "e iso non está tendo contrapartidas".

Para o alcalde, esta situación é xa un "problema de dignidade", xa que considera que desde o Concello "non podemos seguir tolerando que a Deputación esqueza que están na nosa cidade e que nos está discriminando desde o punto de vista económico".

Lores indicou que, aínda que esta situación vén de anos atrás, o seu goberno quixo ser "suficientemente prudente" para evitar este choque institucional até agora "coa esperanza de que cambiasen de actitude".

"Creo que este é o momento de facelo notar publicamente", sentenciou o alcalde pontevedrés, que garantiu que, en todo caso, o Concello manterá a cooperación coa Deputación en todas as cuestións que consideren "importantes" para Pontevedra.

DOMÍNGUEZ ACHACA ESTE PLANTÓN AO "NERVIOSISMO" ELECTORAL

Desde a Deputación, o seu vicepresidente, Rafa Domínguez, lamentou a decisión do alcalde de non acudir ao acto que organizará mañá o goberno provincial e achacouno ao seu "nerviosismo" pola proximidade das eleccións municipais de 2027.

"Está buscando una confrontación que no es necesaria y que además no quieren los ciudadanos", indicou Domínguez, que criticou que o alcalde pontevedrés abandonase a "lealtad institucional" que lle caracterizaba.

Fíxoo, segundo o vicepresidente provincial, "en base a algo que es falso", xa que defendeu que "nunca en toda la historia" a Deputación investiu tanto diñeiro en Pontevedra como fixo desde que a preside Luis López.

Avanzou que o vindeiro xoves detallará "todo lo que hemos hecho en Pontevedra" nos últimos tres anos, o que ao seu xuízo demostrará que a actitude do goberno municipal pontevedrés se debe a que "saben que las cosas no les van a ir bien" nas urnas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora