Lores sobre a oposición aos composteiros: "quen non queira colaborar polo menos que non poña paus nas rodas"

Pontevedra
27 de marzo 2018

O alcalde de Pontevedra relaciona os movementos opositores ao composteiro comunitario de Eduardo Pondal á falta de información e lembra a directiva europea que obrigará a partir de 2020 a compostar como mínimo un 50% dos residuos orgánicos

Os escolares do Marcos da Portela plantan árbores co compost de Monte Porreiro
Os escolares do Marcos da Portela plantan árbores co compost de Monte Porreiro / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores indicaba este martes que respectaba todas as opinións sobre os composteiros pero lembrou que ata o momento non se rexistraron problemas de malos cheiros en ningún punto nos que se atopan situados estes colectores de materia orgánica como o campus universitario, a Brilat ou Monte Porreiro.

Por este motivo, Fernández Lores xustificaba estas opinións contrarias á falta de información por parte dos veciños. Insistiu en que a tendencia razoable que se está buscando é a recuperación máxima de todo o lixo. "É un malgasto mandala queimar ou a un vertedoiro incontrolado", afirmou o alcalde da capital.

Pediu "máis altura de miras" ás persoas que fan campaña contra a compostaxe e que defendan a mellora do Medio ambiente. Fernández Lores asegurou que hai máis demanda da prevista e por iso irán aumentando o número de  composteros comunitarios, pero incidiu en que se trata dunha opción individual: "a xente que non queira colaborar polo menos que non poña paus nas rodas".

O rexedor sinalou tamén que o goberno local ten a "tortura" de levar adiante un proxecto pioneiro que non está asumido aínda pola poboación e lembrou a directiva europea que obrigará en 2020 a  compostar un 50% da materia orgánica que se produce. Aproveitou tamén para criticar a oposición frontal do Partido Popular e doutras forzas políticas que están a facer campaña en contra deste plan de compostaxe.