Lourido inaugura o seu paseo das 'Estrelas de rock'

Poio
09 de marzo 2026
Actualizado: 14:49

Con motivo do concerto impulsado por Banda de Música de Poio, o Concello inaugurou un paseo no que cada ano incorporará os nomes dos participantes no evento

Inauguración do paseo 'Estrelas de rock' Concello de Poio

Poio xa conta co seu particular paseo das 'Estrelas de rock', en Lourido, inaugurado tras o espectáculo que esta fin de semana ofreceu a Banda de Música de Poio xunto a Javier Ojeda (Danza Invisible) e Goar Iñurrieta (Cicatriz).

O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, participaron na cerimonia de apertura do paseo, que xa loce as estrelas dedicadas aos artistas do festival e a figuras destacadas de ambas as dúas bandas pola súa traxectoria.

A iniciativa, impulsada pola Escola de Música de Poio co apoio do Concello, incorporará cada ano os nomes dos participantes no festival.

Durante o acto, Moldes destacou que "é unha satisfacción e un orgullo comprobar como a cultura en Poio continúa medrando, e o fai cunha Escola e unha banda integradas por persoas con moitísimo talento pero, sobre todo, con moita ilusión e ganas de seguir avanzando".

Subliñou, ademais, que o paseo "nace coa vocación de medrar cada ano e de converterse nun punto de encontro para os amantes da música", e destacou que "Lourido suma así un novo atractivo cultural e simbólico para veciños e visitantes".

Tras o éxito do evento, a dirección da Escola adianta "máis forza e ilusión" para deseñar a segunda edición do festival o próximo ano.