Luz verde á ordenación da zona da praia fluvial de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
29 de maio 2025
Actualizado: 17:30

Este acordo permitirá facer as expropiacións necesarias para que este proxecto poida ser unha realidade

Pleno do Concello de Cerdedo Cotobade
Pleno do Concello de Cerdedo Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións da zona verde da praia fluvial de Cerdedo.

Trátase dunha proposta urbanística para transformar 70 hectáreas de terreo nun grande espazo de equipamento turístico, con zonas de lecer, con infraestruturas culturais e deportivas e cun aparcadoiro de autocaravanas para favorecer a chegada de visitantes.

Esta proposta do alcalde, Jorge Cubela, pretende converter este espazo natural nun motor de dinamización turística favorecedor da economía local "para poñer o noso territorio no mapa cun gran centro de referencia turística para disfrute de todos os veciños e tamén daquelas persoas que nos visiten".

Segundo sinalou Jorge Cubela, con este acordo plenario "culminamos así un proceso de catro anos que nos levou moito traballo porque 70 hectáreas non é facer un plan especial dunha finca senón que requiere dunha capacidade de xestión importante coas diferentes administracións para conquerir favorablemente tódalas autorizacións preceptivas. Neste senso estamos moi ledos de telo conseguido. Vai ser un dos plans especiais e unha das tramitacións urbanísticas máis importantes aprobadas baixo o meu goberno. Esto vainos posibilitar ter un título habilitante para facer a expropiación dos terreos necesarios para 70 hectáreas e ademáis proceder a licitar o proxecto construcctivo para diseñar este espazo".

Cubela visiblemente contento comentou que "estamos a falar de que nos próximos dous anos, nos vindeiros dous exercizos, o goberno local fará todas as xestións e concentrará todos os seus esforzos en deseñar, en preparar e en sacar adiante este importantísimo proxecto que vai a redundar en tódolos veciños de Cercedo-Cotobade cun investimento próximo aos 3 millóns de euros".

OUTROS ACORDOS PLENARIOS

Tamén o Pleno aprobou outras cuestións relacionadas coa adhesión do Concello ao Programa da reciclaxe a través das plantas de compostaxe promovidas pola Xunta a través de Sogama; ademais aprobouse a auditoría da rede de abastecemento e os plans de actuacións para Cerdedo, Tomonde e Folgoso.

Finalmente, outro dos asuntos de importancia tratados foi a aprobación do convenio a subscribir coa Deputación de Pontevedra para a recuperación do espazo para uso peonil do núcleo Arrotea-Almofrei consistente, fundamentalmente, na humanización do entorno da igrexa parroquial onde se van investir uns 733.000 euros dos cuais o Concello aportará de fondos propios 146.580 euros e os 586.320 euros restantes o ente provincial.

FESTAS DE CAROI

Por outra banda, o alcalde e membros da Comisión de Festas de Caroi fixeron público o programa lúdico-festivo que se desenvolverá o sábado 31 de maio na honra do Santísimo.

Os eventos lúdicos comezarán o sábado ás 13 horas cunha misa solemne seguida de procesión acompañada polo grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo, encargados tamén de amenizar a sesión vermú. Pola noite terá lugar unha gran verbena que comezará ás 22 horas e estará protagonizada por Dolce Vita e Prisma. O recinto da festa estará cuberto por unha gran carpa.