A xornalista Macarena Baena reflexionará sobre o binomio violencia machista e medios de comunicación nunha nova quenda dos Faladoiros Feministas organizados ao abeiro da campaña municipal do 25N que promove a concellería de Igualdade.
A cita é o vindeiro mércores 12 de novembro, ás 19.30 horas, no vestíbulo da Casa da Luz.
Será unha conversa-coloquio na que se porá enriba da mesa cuestións como a necesidade de formar ós xornalistas na perspectiva de xénero, o tratamento mediático das violencias machistas, a protección informativa das vítimas, a credibilidade e percepción social da muller -tan só un 30% das fontes informativas son mulleres- ou a aposta pola igualdade.
O acto estará conducido pola xornalista Diana López.
Macarena Baena suma máis de tres décadas adicada ao xornalismo na Axencia EFE, e desde o ano 2020 dirixe o seu portal de igualdade, efeminista.com.
É un proxecto multimedia que nace co fin declarado de velar polos dereitos das mulleres e nenas, loitar contra as violencias machistas, reivindicar o feminismo e dar visibilidade a todas as mulleres que constitúen un referente para a sociedade.
Os Faladoiros Feministas aínda terán dúas citas máis neste mes de novembro, con Mabel Lozano falarase sobre explotación sexual. Inclúe a proxección do documental AVA. Será o luns, 17 de novembro no Teatro Principal, ás 19.30 horas.
E con Claudia Morán Mato (Xornalistas Galegas) reflexionará sobre violencias machistas nos medios de comunicación galegos. O xoves, 20 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz ás 19.30 horas.